Museos de Pontevedra e do Prado fortalecen lazos

Con ampliación de actividades e colaboración técnica

Pontevedra | O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e deputado delegado do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de reunirse co coordinador xeral de Conservación do Museo do Prado, Víctor Manuel Cageao, para fortalecer os lazos entre ambas institucións museísticas.

Na súa xuntanza, o vicepresidente provincial amosou a súa vontade de manter e ampliar a histórica relación que, desde a súa fundación, une ao Museo de Pontevedra co Museo Nacional do Prado.

O vicepresidente provincial expresoulle ao coordinador xeral de Conservación do Museo do Prado o seu agradecemento polo recente depósito dunha obra de Eliseo Meifén, Oraciones (Pontevedra), que dentro do programa Prado extendido incrementa o conxunto de pezas das coleccións do Museo do Prado que actualmente se encontran depositadas en Pontevedra. Son, en total, 75 e algunhas delas desde o ano 1929 cando se inaugurou o museo pontevedrés.

Domínguez manifestoulle tamén o interese en continuar mantendo a colaboración técnica en materia de conservación e restauración, así como as estadías de formación para o persoal no Museo Nacional do Prado que, como centro de referencia internacional, permite mellorar as competencias e capacitación para a xestión e coidado das coleccións do Museo de Pontevedra. Igualmente, o vicepresidente provincial trasladoulle o seu desexo de que o Museo de Pontevedra pronto poida acoller nas súas sedes a itinerancia dalgunhas das próximas exposicións temporais que, pola súa relevancia, atraerán a novos públicos, xerando un diálogo artístico entre as coleccións e ofrecendo aos visitantes experiencias enriquecedoras na apreciación da arte.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.