Mos realizou charla técnica sobre reanimación cardiovascular

No CEIP Atín-Cela coa colaboración de persoal especializado do Hospital Álvaro Cunqueiro

Mos | O 16 de outubro celebrouse o Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar (RCP), para divulgar a importancia de aplicar a técnica de reanimación cardiopulmonar para salvar vidas, en caso de ocorrer unha emerxencia.

Desde o Concello de Mos conmemorouse no CEIP Atín-Cela grazas á colaboración dos profesionais de Medicina Intensiva (UCI) do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Cris, a médico, e as enfermeiras Isa, Romina e Aisha, foron as profesionais do Servizo Galego de Saúde que asistiron a impartir a sesión ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do colexio de Atín-Cela e que foron acompañadas pola concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro.

A edil declarou a este respecto que “consideramos necesario que o alumnado dos cursos superiores de Primaria saiba como actuar ante unha emerxencia a fin de crear conciencia sobre a importancia na reanimación cardio pulmonar para salvar vidas, de ahí a organización desta iniciativa levada a cabo da man do Sergas”. Explicou Loureiro, quen insistiu en que “con esta actividade o que se busca é concienciar aos cativos do importante que é actuar ante unha situación así, e de informalos de que maneira poden axudar ante unha emerxencia”.

A Reanimación Cardio Pulmonar ou Respiratoria (RCP) consiste na aplicación de técnicas ou manobras manuais de primeiros auxilios básicos ante un ataque cardíaco, para reanimar a respiración e os latexos do corazón ata que a persoa afectada poida recibir atención médica de emerxencia.

A actividade realizada na mañá de onte no colexio de Atín-Cela constou dunha parte teórica e tamén de talleres para poñer en práctica as técnicas de reanimación.