Mos participou en Tomiño nunha reunión do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño

O encontro basouse no Plan Territorial de Enogastronomía

Mos | O segundo tenente de alcaldesa do Concello de Mos, Leo Costas, e a concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, participaron esta mañá nunha reunión en Tomiño dos 14 concellos integrantes do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño (Mos, Tomiño, Gondomar, Soutomaior, A Guarda, Fornelos do Monte, Baiona, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Tui, Oia e Redondela), onde se trataron asuntos referentes a o seu Plan de Sostibilidade en Destino, que foi considerado apto polo Comité Consultivo e foi incluido no Plan Territorial de Enogastronomía de Galicia 2022, cun importe de 1.500.000 €.

Os puntos a tratar foron a programación económica das actuacións de cada intervención ao longo das tres anualidades adaptadas ao orzamento concedido, o calendario de cumprimento de fitos e obxectivos de cada Plan de Sostibilidade en Destino e as etiquetas climáticas.

O obxectivo deste plan é impulsar intervencións en recursos turísticos naturais e patrimoniais, así como actuacións de dinamización e modernización da cadea de valor enogastronómica dos concellos que compoñen a Ría de Vigo e Baixo Mño, para consolidalo como un destino comprometido coa conservación do medio ambiente, innovador e dixitalizado, flexible e resiliente ante novos retos, competitivo e rentable para as suas empresas.

Preténdese poñer a punto a oferta turística local, co obxectivo de atraer a un turismo de alto valor engadido, baseado na calidade e na sostibilidade.