Mos, O Porriño e Lalín únense en solidariedade con Ucraína

Con envío conxunto dun tráiler de alimentos, medicamentos e roupa

Mos | Misión: encher un tráiler de 24 toneladas coa solidariedade de tres concellos da provincia de Pontevedra, O Porriño, Mos e Lalín. Estes tres municipios pontevedreses únense para facer un envío solidario a Ucraína con 24.000 quilos de alimentos, medicamentos e roupa de abrigo. Este é o obxectivo desta alianza das tres localidades que cooperan para axudar ao pobo ucraíno.

O camión sairá de Mos rumbo ao punto de entrega: Almacén Nowa Sarzyna 37-310 Ul. Łukasiewicza 2 Województwo Podkarpackie, en canto se atope cheo. Esta ubicacón correspóndese ao edificio multiusos da organización de servizos sociais da localidade polaca de Nowa Sarzyna, na fronteira con Ucraína, por onde está a producirse o éxodo masivo da maioría de cidadáns ucraínos que fuxen do ataque ruso. Polo que serán os propios servizos sociais municipais da cidade polaca os que repartan as 24 toneladas de axuda humanitaria recibidas neste tráiler.

Os interesados en colaborar poden facer doazóns de alimentos non perecedoiros de fácil consumo sen cociñar como por exemplo conservas etc. evitando os envases de vidro, medicamentos e material sanitario non usados nin empezados, elementos de abrigo en bo estado: sacos de durmir, esterillas, edredóns, mantas…; e roupa de abrigo.

Os puntos de entrega habilitados en Mos son o Multiusos das Pozas, locais das asociacións mosenses, Igrexas parroquiais, Centro de Saúde, Farmacia de Sanguiñeda e colexios e Escolas Infantís do municipio.

Os puntos de entrega que se habilitarán no Porriño son: pavillón municipal, CC “A Forna”, CC Castelo de Cans, CC de Mosende, Asociación Amas de Casa Rosais, AAVV S. Benito e San Sebastián, CC Pontellas, CC Casal Budiño e centros culturais do municipio. Instalaranse caixóns e o Concello procederá á súa recollida.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos encargarase de recoller todas as doazóns nos devanditos puntos de entrega para levalos ao tráiler, que xa se atopa en Mos (na nave de CBL, Avda. Peinador 31, Tameiga) á espera de ser cargado e partir rumbo a Ucrania.

Os Concellos, pola súa banda, incluirán no trailer a súa propia aportación como administracións locais, facendo as súas respectivas compras de material para axuda humanitaria ao pobo ucraíno. Ademais desta iniciativa solidaria, por parte das respectivas Corporacións Municipais destes 3 Concellos aproveitan esta acción para reafirmar a súa total repulsa da invasión de Ucraína por parte da Federación Rusa.

“Repulsa contra a violencia internacional e cariño e forza para as vítimas. Vítimas que son milleiros de inocentes falecidos, feridos e deprazados que están a fuxir do país… sen contar aos que permanecen sufrindo e sobrevivindo como poden. Milleiros de vítimas en pouco máis dunha semana de invasión inxusta, inxustificada e cruel. A nosa máis enérxica condena e repulsa pola invasión e o ataque despiadado que Rusia está facendo dun estado soberano: UCRAÍNA.  Unha acción violenta, que utilizando a forza rompe a orde internacional e que está provocando dor e morte, con miles de mortos e feridos e o éxodo masivo de persoas  fuxindo do seu país. Por iso pedimos conxuntamente o cese inmediato da invasión e condeamos firmemente esta terrible inxustiza”, declararon os alcaldes dos tres municipios Alejandro Lorenzo do Porriño, Nidia Arévalo, rexedora local de Mos, e José Crespo de Lalín.