Mos homenaxea ás súas 60 heroínas do Servizo de Axuda no Fogar

Nun acto que contou coa presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García

Mos | Este 17 de marzo, ás 16.30 horas celebrouse nos exteriores do Pazo de Mos a homenaxe ás traballadoras do SAF organizada polo Concello de Mos con motivo do 8M, no que se contou coa asistencia da conselleira de Política Social, Fabiola García en representación da administración que subvenciona este importante servizo aos concellos de Galicia.

Ademais da conselleira estiveron presentes, como non podía ser doutro xeito, as 60 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, de Mos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde do Concello de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e de Igualdade, demais membros do goberno local e da Corporación Municipal mosense, a deputada mosense no Parlamento de Galicia, Feli Rodríguez Carrera, e traballadoras municipais da concellería de Política Social e Igualdade e do Centro de Información á Muller, CIM, de Mos.

O acto, presentado pola actriz e presentadora, Cristina Maró, comezou cunha poesía a cargo da actriz, Paula Pier, veciña de Mos e mestra de teatro do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade do Concello de Mos. Seguida da intervención da representante do SAF, Chus Fernández Silva, e da intervención da representante do SAF, Natalia Fernández Fernández.

A continuación chegou a entrega de detalles ás 60 mulleres traballadoras do SAF de Mos homenaxeadas. Tras a que interviu a alcaldesa, Nidia Arévalo e pechou o acto a conselleira de Política Social, Fabiola García. A homenaxe rematou cunha actuación musical da mosense da parroquia de Pereiras, Antía Caride.

As representantes das homenaxeadas, Chus e Natalia, expresaron a ilusión tanto delas como do resto das súas compañeiras por este recoñecemento, que as representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, calificaron como “un recoñecemento sobradamente merecido pola enorme valía, profesionalidade, sensibilidade, entrega e implicación destas mulleres que son un orgullo para o noso Concello”.

Este acto homenaxe ás traballadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) de Mos ten como obxectivo o agradecemento institucional polo seu gran labor durante esta crise sanitaria.

O persoal do SAF é un dos colectivos mosenses máis imprescindibles durante esta crise sanitaria. Ademais de non ter interrompido a súa actividade laboral en ningún momento da pandemia, cubriron tamén desde abril de 2020 o SAF Temporal Extraordinario activado pola Xunta de Galicia e nunca deixaron de prestar servizo nos domicilios das 114 familias ás que atenden, aínda que neles existise algún positivo por COVID-19.

Para elo estas heroínas contan coa axuda e colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que as acompañan aos domicilios para facilitarlles a colocación de todos os EPIs dos que teñen que ir provistas e á saída para a pertinente desinfección e retirada dos mesmos.

A rexedora local mosense detacou así mesmo “a importancia fundamental deste colectivo de traballadoras que se volven imprescindibles en tempos como os actuáis, xa que moitos dos usuarios do servizo son maiores enfermos que viven sós, e sen elas quedarían desatendidos.

Ademais ao ser Mos un Concello eminentemente rural, moitas familias elixen este servizo para garantir a atención aos seus maiores antes que un centro, por exemplo”. Por último a alcaldesa insistiu no “importante papel que xogan as traballadoras do SAF nos Servizos Sociais Municipais e no gran vínculo e coordinación que manteñen coas Traballadoras Sociais deste departamento, para garantir que maiores e familias usuarios estean perfectamente atendidos cada día; de ahí que sexan sobradamente merecedoras desta homenaxe e de que lles dedicaramos o Día da Muller”.

E tivo unhas palabras especiais para a Traballadora Social xefa do departamento municipal de Servizos Sociais, Loli Lago, encargada de coordinar o SAF e funcionaria veterana do Concello de Mos, no que leva traballando en maio fará 31 anos, á que Arévalo agradeceulle “a súa entrega total, o traballo sen descanso durante esta pandemia, sempre ao carón dos colectivos máis vulnerables da nosa veciñanza”.