
O Porriño | Un total de 185 alumnos e alumnas do Porriño veñen, un ano máis, de desfrutar dunha experiencia de surf na praia de Patos coa ‘Operación Ola’. Trátase dunha actividade impartida por monitores cualificados na que moitos destes rapaces e rapazas tiveron o seu primeiro contacto con este deporte e que lles serve, ademais, para aprender hábitos de vida saudables e outro tipo de valores como a concienciación ecolóxica ou o desenvolvemento persoal, xa que se trata dunha experiencia nova, emocionante e enriquecedora que favorece o seu crecemento físico e emocional.
A segunda das xornadas desta ‘Operación Ola’ desenvolveuse o luns coa participación de 46 alumnos do colexio Xosé Fernández López, 17 do CEIP Atios e 14 do CEIP da Ribeira. Con eles estivo o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destacou o éxito desta iniciativa que saca as aulas fóra dos centros tradicionais “con hábitos de vida saudables e aprendendo a traballar en equipo nun entorno único como é a nosa costa”. Neste senso, apuntou que ‘Operación Ola’ “non é só unha actividade de lecer, foi deseñada como unha oportunidade para que fagan comunidade, compartan experiencias con compañeiros doutros colexios e descubran o deporte como unha ferramenta de unión e superación persoal”.
“A finalidade deste programa é achegar aos mozos aos recursos naturais e deportivos, promovendo unha educación integral que combine aprendizaxe, benestar e contacto co medio ambiente”, sinala a concelleira de Educación do Concello do Porriño, Carolina González. Na xornada do luns, os afortunados foron os alumnos e alumnas do CEIP Antonio Palacios, o CEIP da Cruz Budiño, o CPR Santo Tomás e Hnos. Quiroga. Así, para garantir o correcto funcionamento e a seguridade na praia, os participantes foron repartidos en diferentes quendas e grupos ao longo desta primeira quincena do mes.
Este programa do Concello do Porriño articúlase a través da Concellería de Educación e a OMIX, un programa de actividades deseñado para promocionar o deporte e a ocupación saudable do tempo libre entre a mocidade que demostrou, explican desde a OMIX, que serve tamén para potenciar o traballo en equipo, xerando un ambiente de compañeirismo, empatía e colaboración mutua.
“Surf na Escola”
O Concello de Mos, a través da Concellería de Educación, está a desenvolver unha nova edición do programa “Surf na Escola”, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 5º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio que combina actividade física, aprendizaxe e diversión.

O proxecto, que se está a desenvolver durante estas semanas, achega aos escolares unha primeira toma de contacto co surf, unha disciplina deportiva en constante crecemento e que conta cun gran seguimento entre a mocidade. A iniciativa busca fomentar hábitos de vida saudables, promover a actividade física e transmitir valores como o compañeirismo, a cooperación, o respecto e a responsabilidade.
A actividade estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira sesión, celebrada nos propios centros educativos, o alumnado participa en obradoiros prácticos nos que coñece o material empregado para a práctica do surf e realiza exercicios de equilibrio, coordinación e iniciación ás técnicas básicas desta modalidade deportiva. Posteriormente, na praia de Patos, en Nigrán, teñen a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas nunha sesión real no mar, sempre acompañados por monitores especializados.
Nesta edición participan os CEIPs Pena de Francia, Atín, Mestre Valverde Mayo, Petelos e Mestre Martínez Alonso, permitindo que preto dun cento de escolares do municipio gocen dunha experiencia educativa e deportiva diferente. Desde a Concellería de Educación destacan a importancia de impulsar actividades complementarias que contribúan ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas, combinando formación, lecer e contacto coa natureza. Ademais, subliñan os beneficios que o surf aporta ao desenvolvemento psicomotor, favorecendo habilidades como a coordinación, o equilibrio, a flexibilidade e a confianza persoal.
A actividade conta coa colaboración do club deportivo Prado Surf, encargado da formación e da supervisión das sesións prácticas, así como da achega do material necesario para a súa realización. Con iniciativas como “Surf na Escola”, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso cunha educación activa, participativa e vinculada á promoción de hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade.




