Mos acolle a iniciativa ViolenciaZero dentro do programa Mulleres en Acción

Coa actuación da artista Paula Sanmartín aos alumnos do IES de Mos

Mos | Coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia a artista Paula Sanmartín, trouxo ao auditorio do Multiusos das Pozas a súa acción Pulso dentro do progama provincial, Violencia Zero, para ofrecerlla ao alumnado do IES de Mos que a visualizará mañá; e con ela fomentar o debate entre os mozos e mozas mosenses.

A acción artística retransmitiuse en directo en streaming como medida de prevención ante a COVID-19, estando tan só presentes esta mañá no auditorio a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, a comisaria do proxecto, Paula Cabaleiro, a avogada do CIM, -Centro de Información á Muller-, do Concello de Mos, Ana María Rodríguez Cabaleiro, e a propia artista.

Este programa propón a experiencia artística como ferramenta de cambio cara unha sociedade máis igualitaria e menos violenta, sen roles nin discriminación de xénero e sen agresividade contra as mulleres.

A artista Paula Sanmartín, actriz, creadora escénica, docente teatral, estudante de Filosofía e investigadora presentou a súa peza Pulso, percorrendo fitos tan importantes como o primeiro movemento feminista. Pulso, está ambientada nas décadas dos 50 e 60, e xira arredor da temática do terceiro sexo e da violencia insitucionalizada. Trátase dunha peza postdramática na que non hai personaxes, se citan moitas referencias e se traballa nas temáticas que a protagonizan de forma lúdica e pormenorizada.

Mos pola igualdade e contra a violencia
O municipio de Mos súmase a MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero, como xa fixo en anteriores edicións deste programa provincial, co que aumenta o número de iniciativas locais para o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero.

Así, o de Mos foi o primeiro Concello da Provincia de Pontevedra que aprobou en Pleno, e ademais por unanimidade dos membros da Corporación, a inclusión na Guía de Linguaxe non Sexista da Deputación de Pontevedra (en novembro de 2017); conta co seu propio CIM (Centro de Información á Muller), cunha Mesa Local pola Igualdade e a Eliminación da Violencia de Xénero, un servizo de sesoramento e protección a vítimas, programas de emprego público municipal subvencionados pola Xunta a vítimas, terapia psicolóxica, obradoiros de formación e emprego para vítimas, obradoiros de autoestima, formación preventiva en centros educativos (colexios e IES)… entre outras moitas accións municipais.

Pola súa banda o programa MULLERES EN ACCIÓN da Deputación emprega a utilización da arte contemporánea como axente mobilizador de consciencias contra a violencia de xénero. Ten a premisa de transformar o traballo das mulleres artistas participantes nun grito de denuncia. Ao tempo que se apoia e se visibiliza ás creadoras contemporáneas, ponse o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día á nosa sociedade.