Morreu o afamado narrador galego-venezolano Lázaro “Papaíto” Candal

O coruñés foi un dos personaxes máis populares nas transmisións futbolísticas en Venezuela

A Coruña | O popular narrador, comentarista e xornalista Lázaro “Papaíto” Candal faleceu este 23 de agosto aos 91 anos de idade na cidade da Coruña. Así o informou vía Instagram o seu fillo, o tamén xornalista e narrador Álex Candal. Nas súas redes sociais, o R.C. Deportivo da Coruña quixo tamén expresar o seu pesar polo falecemento “dun coruñés de sangue e dun ‘deportivista’ de corazón”.

Nado en 1931 na cidade herculina, Candal comezou en 1953 en La Voz de Galicia unha prolífica traxectoria xornalística que levouno a ser un dos personaxes máis populares na súa segunda patria, Venezuela, país ao que emigrou en 1960. Alí foi correspondente de La Voz de Galicia e do diario Marca e redactor do xornal Últimas Noticias.

Pero foi na TV venezolana onde deixou pegada o xornalista coruñés. En 1967 comezou como narrador para as Copas Libertadores de América con equipos venezolanos. Desde entón ata a súa retirada profesional en 2007, Candal fíxose presente no imaxinario colectivo venezolano polo seu peculiar e coloquial estilo narrativo que imprimiu en dez Mundiais de fútbol desde 1974 ata o 2006, nas principais canles venezolanas como Venevisión, RCTV e Meridiano Televisión. Ademais estivo presente en distintas Copas América, Copas de Europa, Ligas española e italiana, entre outros torneos futbolísticos.

Moitos foron os grandes futbolistas entrevistados por “Papaíto” Candal destacando “O Rei” Pelé, Alfredo Di Stéfano, Diego Armando Maradona, o “Kaiser” alemán Franz Beckenbauer e o holandés Johan Cruyff, entre outros tantos.

Falar de fútbol en Venezuela era, inevitablemente, falar de Lázaro Candal. Frases míticas como “qué hiciste, Papaíto” no Mundial de España 1982 e “¡Y mañana, hay mañana! en México 1986 entraron no corazón dos venezolanos a traves das súas narracións nas pantallas televisivas.

Candal foi tamén premiado con diversos galardóns como o Meridiano de Ouro desde 1982 ata 1988 e en España foi finalista do Premio Internacional Príncipe de Asturias.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.