Monforte celebrou actos na honra de San Antonio

Logo de dous anos sen se celebrar por mor da pandemia

Monforte de Lemos | Hoxe, Día de San Antonio, volvéronse a celebrar os actos das honras ó santo, sendo día festivo en Monforte. Desta forma, a comitiva institucional, encabezada polo alcalde, José Tomé Roca, así como diversos membros do equipo de goberno, partiu da Casa do Concello para asistir, ás 12.30 horas, á misa na honra de San Antonio. Tras a celebración eucarística, tal e como marca a tradición, tivo lugar unha procesión coa imaxe polas rúas próximas á igrexa.

“O San Antonio, que é festivo local no noso Concello xunto co Martes de Pascua, é unha festa que, celebrándose no centro da cidade, no barrio de San Antonio, mantén a esencia dunha festa relixiosa popular que ten moita devoción e moitos participantes”, manifestou o rexedor monfortino.

Para a cidade de Monforte creo que é moi importante que se vaian recuperando as actividades que desenvolvíamos con normalidade antes da pandemia. E, tras celebrar en febreiro o San Brais, e en abril a Feira Medieval e o Martes de Pascua, agora tocounos festexar o san Antonio como se merecía”.

As de San Antonio son as festas máis importantes de Monforte logo das patronais que se celebran en agosto. Seis orquestras e varias charangas animaron a praza do Concello e rúas do barrio desde o venres pasado. Monforte recuperou así unha antiga e importante tradición festiva que estaba perdida desde o 2019. Debido á pandemia, as festas de San quedaron reducidas no 2020 e o 2021 á misa que se celebra tradicionalmente o día grande dos festexos.

Tras a longa paréntese, un baile popular animado polo Dúo Explosión e un concerto do grupo Gin Toni’ s que se ofreceron o venres pola noite marcaron o renacemento duns festexos que se caracterizaron sempre por un forte arraigamento popular. Esta é por outra banda a segunda ocasión —despois da Feira Medieval celebrada a Semana Santa— na que as rúas da cidade recobran o ambiente festivo desde que se declarou o estado de alarma sanitaria.

Logo do lanzamento das bombas de palenque ás dez da mañá deste sábado, o grupo de gaitas Os Teixeiras ofreceu un pasarrúas polo barrio e pola praza de san Antonio, o punto central dos festexos, que volveu estar repleta de barracas de atraccións e postos de venda ambulante. O programa da xornada comprendía así mesmo un baile e verbena co trío D’ Ruka e orquestra Metrópoles, así como sesións de fogos de artificio tarde e noite.

O domingo houbo sesión de xogos infantís e un festival de baile tradicional co grupo Lemavos e a escola ourensá D. P. Feito. A verbena foi animada pola orquestra Miramar. O día grande dos festexos, hoxe luns, empezou ás nove de mañá na praza de Santa Clara coa tradicional cerimonia da bendición do ramo de roscas, que foi poxada logo da misa solemne con procesión.

Pola mañá e pola tarde houbo pasarrúas a cargo do grupo Amigos da Pandeireta e da charanga NBA. A orquestra Marbella animará a partir das nove e media da noite a última verbena dunhas festas que serven de prólogo ás patronais de agosto, que tamén estiveron ausentes do calendario desde o 2019 e que se recuperarán igualmente este verán.