Monforte celebrará sete días en festas patronais en agosto

Actuarán La Oreja de Van Gogh, Edurne, Rosario e Mago de Oz, entre outros

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, deron a coñecer en rolda de prensa o programa de Concertos Musicais das Festas Patronais 2020, que se van celebrar do 10 ó 16 de agosto.

“Por fin”, salientou o alcalde, “despois de dous longos anos, en 2022 Monforte volverá a celebrar as súas festas patronais, dando un paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos, tal como dixen, neste ano imos organizar todos os eventos con normalidade. Unhas festas que van recuperar a esencia que tiveron nos últimos sete anos, con concertos masivos e gratuítos na explanada da Compañía, porque xa temos ganas de vela chea de xente como antes da pandemia”.

O alcalde confirmou o que xa anunciara hai un tempo “Para dar cumprimento ó meu compromiso cos monfortinos e coas monfortinas, este ano teremos un día máis de festas pasando de 5 a 6 días. De tal xeito que o día do pregón será o día 10 de agosto e os concertos empezarán o día 11 e rematarán o día 16 de agosto. En total serán 6 días de festa máis o pregón, o que supón 7 días de festas, porque como é habitual con este goberno, o día do pregón tamén haberá unha actuación musical na Praza de España”.

Deste xeito, o programa completo de actuacións musicais das Festas Patronais de Monforte deste ano 2022 son as seguintes:Mércores 10 de agosto:Pregón. Actuación musical na Praza de España, que se incluirá dentro das actividades do Verán Cultural. Xoves 11 de agosto: Orquestra Finisterre: 22:30 a 00:00h / 03:00 a 04:30h. Orquestra Panorama: 00:00 a 03:00 h. (un único pase). Venres 12 de agosto: La Oreja de Van Gogh: 00:00 a 01:30 h. Orquestra Los Satélites: 23:00 a 00:00 h / 01:30 a 03:30 h. Sábado 13 de agosto: Edurne: 23:00 a 00:30 h. Gins Toni´s: 00:30 a 02:30 h. Malenne: 02:45 a 04:00 h. Domingo 14 de agosto: Rosario: 23:00 a 00:30 h. Orquestra Los Player´s: 00:30 a 02:00 h. / 02.30 a 04:00 h. Luns 15 de agosto: Ana Mena: 00:30 a 02:00 h. Orquestra Costa Dorada: 23:00 a 00:00 h / 02:00 a 04:00 h. Fogos artificiais de San Vicente: 00:00 a 00:30 h. Martes 16 de agosto: Mago de Oz: 00:30 a 02:00 h. Orquestra Acordes: 23:00 a 00:00 h / 02:00 a 04:00 h. Fogos artificiais do Río Cabe: 00:00 a 00:30 h. As actuacións musicais empezarán ás 11 da noite e rematarán ás 4 da madrugada.

O mandatario local manifestou que “estamos convencidos de que os concertos que temos programados van ser capaces de encher o recinto das festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado estilo musical dos concertos”.

Outra novidade que anunciou o alcalde vai ser a produción. O escenario vai ter unhas maiores dimensións, unha mellor sonoridade, e estará cuberto, o que vai permitir que aínda que chova algo, os concertos vanse celebrar igual. En conxunto trátase dunha nova escenografía, que propiciará un aspecto visual moito mellor, o que leva consigo un incremento no custe da produción.

Fogos artificiais
O alcalde tamén anunciou que as “festas van contar cos Fogos de San Vicente na Torre da Homenaxe e tamén van contar cos Fogos do Río Cabe, tal e como se veñen disparando dende que os recuperamos en 2015”.

“O programa cultural do Verán e outras actuación ó longo do verán, darémolo a coñecer máis adiante, e nel van ter cabida os grupos e músicos monfortinos, para saír adiante xuntos e non deixar a ninguén atrás, así que os artistas monfortinos van ter cabida nas Festas e na programación do Verán Cultural”.

O alcalde rematou salientando que “con este cartel, estamos convencidos que van ser unhas boas festas, nas que van participar masivamente os monfortinos, e tamén van atraer a visitantes, dado que hai música para todos os gustos e iso vai ser bo para a economía monfortina, especialmente para o comercio e para a hostalería”.

“Deste xeito, cumprimos coa palabra dada, como é habitual en todos os proxectos que anunciamos, e as festas patronais non poden ser menos.”