Monforte apoia ‘O Camiño Creativo’

O programa estará aberto ata o 15 de maio

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na presentación da segunda edición do proxecto O Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21.22. Emprende!, que tivo lugar nun dos catamaráns da institución provincial que saen do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, e percorren a Ribeira Sacra.

Esta iniciativa de emprendemento está impulsada por España Creativa. José Tomé destacou que o proxecto “representa unha aposta polo emprendemento e pola innovación ligada ó patrimonio natural e cultural. Unha filosofía que compartimos dende o Concello e a Deputación para impulsar o turismo sostible e de calidade. É dicir, converter os valores do pasado en elementos para o desenvolvemento do futuro, tanto social como económico, sobre todo do noso rural”.

No acto, o alcalde estivo acompañado polo deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, a primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e outras autoridades autonómicas e da zona.

O Camiño Creativo busca potenciar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras e axudalos a desenvolver un plan de negocio ao tempo que percorren o Camiño de Santiago de Inverno.

“Igual que nesta presentación, os participantes no programa poderán gozar da riqueza patrimonial tan diversa que temos na nosa Ribeira Sacra e na nosa provincia”, sinalou o alcalde e destacou como exemplo a igrexa de Cadeiras, onde se celebrou a segunda parte do acto.

Esta actividade serve como antesala do Fórum Lugo 2022 que acollerá a provincia no mes de novembro e da que a Deputación de Lugo é organizadora, xunto a España Creativa.

Tras gañar a Copa España Creativa do pasado ano por un proxecto para a recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A nova convocatoria do Camiño Creativo de Santiago – Xacobeo21.22. Emprende! estará aberta ata o 15 de maio. A previsión é que se leve a cabo do 5 ao 25 de xullo cun máximo de 20 participantes.