Mondariz será sede dunha proba de ciclismo

No seu circuíto de pumptrack o vindeiro 10 de setembro

Mondariz | O circuíto asfaltado de pumptrack construído polo Concello de Mondariz no Campo da Minada acollerá o vindeiro 10 de setembro a súa primeira competición de ciclismo. Trátase dunha proba para bicicletas propulsadas pola acción humana na que poden participar mozos e mozas de tres anos en adiante.

O obxectivo desta actividade é “dar visibilidade a estas novas instalacións municipais e promover o deporte urbano entre a mocidade”, afirma o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

Detrás da organización desta proba deportiva está a asociación educativa e sociocultural Sports Kids, vinculada á localidade. O proceso de inscrición está aberto até o 5 de setembro no sitio web cronotec.es, mais as prazas son limitadas e pode pecharse antes se se chegan a completar. Establécense catro categorías: mini (3-7 anos), infantil (8-12 anos), júnior (13-17 anos), adultos (a partir de 18 anos). As inscricións son gratuítas para a categoría mini, pero teñen un custe de 5 euros para as categorías infantil e júnior, e de 8 euros para a categoría de adultos.

A competición deportiva rematará cun concerto de música rap e dj’s, organizado en colaboración coa asociación de cultura urbana URCAM de Mondariz, creada recentemente por mozos e mozas da localidade interesados na cultura urbana.

“Con actividades como esta tamén buscamos promover a dinamización dos colectivos socioculturais da localidade”, comenta Barros, que ademais de alcalde é concelleiro de Participación Veciñal.

Unhas instalaciones deportivas innovadoras
O cirtuíto de pumptrack de Mondariz foi construído no ano 2021 con financiación do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, converténdose naquel momento no circuíto asfaltado de pumptrack máis grande de Galicia, con 1.200 m² de superficie. Está concebido como unha pista de 180 metros de lonxitude, con ondulacións e curvas peraltadas á esquerda e á dereita que se adaptan ao regulamento de BMX da Real Federación Española de Ciclismo, polo que nun futuro podería acoller competicións deportivas profesionais.

Levántase no Campo da Minada, sobre o decrépito campo de fútbol de céspede artificial construído hai dúas décadas e que estivo en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para a competición.

A construción do circuíto asfaltado de pump track foi a primeira actuación do centro de ocio e deporte urbano que ten proxectado o Concello de Mondariz no Campo da Minada para recuperar este importante espazo público do centro urbano da localidade. Estas instalacións deportivas municipais serán completadas nos próximos meses, no marco do Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, que financiará as obras con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos