Mondariz recupera os grandes eventos culturais de verán

Con amplas actividades para a mocidade

Mondariz | Na programación cultural deste ano destacan concertos de interese nacional como os de Le PianO du Lac (21-25 de xullo na praia fluvial do Val), Tanxugueiras (31 de xullo, durante a 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns) e Baiuca (15 de agosto, durante as festas patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque)

Mantense o ciclo de cine na rúa con tres filmes para todas as idades, entre eles a exitosa comedia galega “Cuñados”, que se proxectará o 21 de agosto coa presenza confirmada dalgúns dos actores.

Para a mocidade están programadas numerosas actividades de achegamento ao patrimonio natural, como probas de orientación, scape room e outras aventuras relacionadas coa práctica deportiva.

O Concello de Mondariz publicou a súa programación definitiva de cultura e mocidade para o verán 2021, despois de confirmar unha serie de espectáculos teatrais do programa “Cultura no Camiño” para os meses de agosto e setembro. Alén destas representacións, durante este verán destacan as actuacións musicais. Entre os días 21 e 25 de xullo, en véspera do Día de Galicia, a praia fluvial do Val será escenario do innovador espectáculo de música e danza de PedalOpiano, a última creación de Le PianO du Lac. Días despois, o 30 de xullo, a Praza de Mondariz recibirá a Tanxugueiras, no marco da 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns. Igual ou máis esperado, especialmente pola mocidade, será o concerto de Baiuca, pechado para o 15 de agosto, coincidindo coas festas patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque, que este ano non contará con verbenas pero si cunha programación municipal de actividades culturais.

O programa de cine na rúa, con epicentro na Praza de Mondariz, ofrece este verán tres filmes para todas as idades. O pasado 10 de xullo proxectouse a película de animación “Zoo y los doctores voladores”, mentres que para o 21 de agosto está programada a exitosa comedia galega “Cuñados”, coa presenza de dous actores protagonistas (Miguel de Lira e Federico Pérez), e para o 4 de setembro, o filme “Si yo fuera rico”.

Para a mocidade, desde a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organizáronse diversos programas de actividades que exixen inscrición previa para poder participar. Ademais do Campaverán 2021 e das escolas de piragüismo e hípica, que están en marcha desde principios de xullo, ofrécense diversas actividades deportivas para mozos e mozas entre 13 e 18 anos.

Este programa, Mondaverán Xove, inclúe saídas a diversas localizacións da comarca de Condado-Paradanta para realizar barranquismo, rafting, piragüismo e hidrospeed. A estas actividades de aventura súmanse outras para toda a familia, como as incluídas no programa Mondariz Natura, que permite un achegamento ao patrimonio natural do Concello de Mondariz, ou as probas de orientación (Aventura-Tea na praia fluvial do Val e Orienta-Tea no Carballo de Armada da parroquia de Queimadelos) e un scape-room no centro urbano de Mondariz.

Eventos destacados
O pedalOpiano sobre as augas do río Tea en Mondariz
Entre os días 21 e 25 de xullo, Mondariz será o primeiro escenario galego da xira xacobea do pedalOpiano, o innovador espectáculo musical de Le PianO du Lac, en coprodución coa compañía asturiana La Xata La Rifa. A entrada é libre, pero a cabida está limitada a 400 persoas.

As reservas pódense tramitar no sitio web https://www.billetweb.fr/mondariz-playa-fluvial-do-val. Existe, así mesmo, unha taquilla voluntaria e a compañía recomenda unha aportación de 10 euros. Toda a información relativa á taquilla está dispoñible no seguinte sitio web: http://www.pianodulac.eu/taquilla2021/. Rectificamos, porén, que non é un evento gratuíto, como se informara en días pasados.

32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz
Despois da obrigada suspensión da edición do ano pasado por mor da pandemia de Covid-19, o Concello de Mondariz apoiou a organización da Feira dos Oficios Artesáns en 2021 por parte de CEAR Castromao. A programación desta 32ª edición foi presentada a mediados de xullo na sede principal da Deputación de Pontevedra. A inauguración do evento estará precedida pola presentación do documental “Cesteiros de Mondariz”, o día 30 de xullo pola noite nos Xardíns do Concello.

Este proxecto audiovisual, financiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, conta cun equipo artístico de recoñecidos nomes, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancedo. Durante os días de feira na Praza de Mondariz destacará a actuación do grupo galego Tanxugueiras.

Festas patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque
Este verán, ao igual que o ano pasado, a programación das festas patronais de mediados de agosto foi organizada polo Concello de Mondariz e consiste nunha serie de concertos e actividades para o público infantil. O evento máis destacado será a actuación de Baiuca, que está presentando o seu último traballo musical, “Embruxo”.

 

Outros artigos