Mondariz presentou a súa programación cultural para marzo

Coas artes escénicas con perspectiva feminista como protagonistas

Mondariz | Ademais da representación teatral da comedia “Feminissimas”, programada para o 19 de marzo no auditorio municipal, durante este mes tamén se verán os froitos dos obradoiros de teatro comunitario realizados nos últimos meses nas parroquias de Mouriscados e Gargamala

Un ano máis, as concellerías de Cultura e Igualdade de Mondariz apostan por reivindicar o 8 de marzo durante todo o mes, cunha programación de varias actividades culturais con clara perspectiva feminista.

O 19 de marzo, o auditorio municipal de Mondariz será escenario a partir das 21:00 horas da representación teatral de “Feminissimas”, producida por De Ste Xeito. Trátase dunha “comedia violeta” coa amizade como fondo e o feminismo como forma. Tres amigas da adolescencia que non se ven desde hai anos encóntranse nun congreso feminista na cidade de Vigo e manifestan tres maneiras ben distintas de entender o feminismo. A entrada, como de costume, será libre e gratuíta até completar a cabida do auditorio municipal.

Teatro comunitario para recuperar a memoria das mulleres
Durante este mes de marzo tamén están programadas dúas actividades de artes escénicas que visibilizan o traballo realizado polas mulleres participantes nos dous obradoiros de teatro comunitario promovidos polo Concello de Mondariz nas parroquias de Mouriscados e Gargamala para recuperar a memoria local.

Este sábado, 12 de marzo, celebrarase unha actividade de narración oral na parroquia de Mouriscados que estará acompañada dunha exposición de fotografías e obxectos aportados polas mulleres participantes do obradoiro para documentar a súa memoria do que era a vida no rural anos atrás. O domingo, 20 de marzo, serán as mulleres de Gargamala as que representen publicamente no centro cultural da parroquia a comedia “A doente imaxinaria”, unha adaptación do clásico de Molière.

“Con estes obradoiros de teatro comunitario orientados a recuperar e documentar a memoria das parroquias, que comezaron no último trimestre do ano pasado, buscamos dinamizar social e culturalmente á veciñanza e sentar as bases para futuras actividades noutras parroquias. Os obradoiros, que foron propostos pola nosa veciña Sara Guerrero Alfaro, especialista en arte dramático e teatro social, tamén recoñecen e dan oportunidades de desenvolvemento ao talento da mocidade local, en liña con outros proxectos sociais e culturais que se teñen realizado no concello estes últimos anos”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e concelleiro de Participación Veciñal.

Desde as concellerías relacionadas, teñen previsto promover a itinerancia destas actividades de artes escénicas protagonizadas por veciñas de Mouriscados e Gargamala polas parroquias do Concello de Mondariz para visibilizar os resultados dos obradoiros e dinamizar social e culturalmente o rural.

O club de lectura de Mondariz trae a Isabel Blanco
Iniciativas culturais como o club de lectura de Mondariz tampouco son alleas ao Día Internacional da Muller e promoven lecturas como “Galegas na ciencia” e “María Vinyals: un talento rebelde”, da escritora Isabel Blanco. No faladoiro literario mensual, programado para o último venres de marzo na biblioteca municipal, está previsto que acuda a propia escritora para compartir reflexións sobre estas obras coas persoas que participan no club de lectura.

Outros artigos