Mondariz participa no certame Vilas en Flor

Por segundo ano consecutivo

Mondariz | O Concello de Mondariz, por iniciativa da Alcaldía, está participando por segundo ano consecutivo no certame Vilas en Flor Galicia, organizado pola Fundación Juana de Vega, Asvinor (Asociación de Viveiristas do Noroeste) e Agaexar (Asociación de Empresas de Xardinería de Galicia) para promover a protección, mellora e valorización dos espazos verdes nos concellos galegos e contribuír deste xeito a mellorar a calidade de vida dos habitantes e a súa cohesión social, entre outros obxectivos.

Así pois, é un dos 38 concellos galegos (14 na provincia de Pontevedra e tan só 2 na comarca do Condado-Paradanta) que compiten nesta edición por Floras de Honra en recoñecemento das súas políticas municipais de promoción do patrimonio natural e paisaxístico, respecto do medio ambiente e da sostibilidade, e actividade turística relacionada con estes valores.

O xurado do certame Vilas en Flor 2022 visitou o Concello de Mondariz a finais de setembro e, ao igual que o ano pasado, mostrou especial interese en proxectos estratéxicos de economía circular como a recuperación da cestería tradicional da localidade.

“O ano pasado, cando recibimos a visita do xurado, estabamos rematando a exhibición itinerante do documental Notas sobre os cesteiros de Mondariz por varios concellos galegos atravesados polo Camiño de Santiago; este ano visitaron a localidade días despois de que finalizase o curso de recuperación da cestería de Mondariz”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros. “Puideron ver avances claros neste proxecto estratéxico para o desenvolvemento económico de Mondariz”.

Na edición de 2021, o xurado de Vilas en Flor Galicia valorou a alta sensibilidade do Concello de Mondariz cara ao medio ambiente, especialmente en canto á participación veciñal. Tamén destacou que o Goberno municipal estaba desenvolvemento iniciativas para involucrar á veciñanza en actividades de humanización dos espazos públicos, e que tiña grandes ideas e proxectos para avanzar rapidamente no desenvolvemento de zonas máis coidadas e humanizadas, como se publicou no propio sitio web do certame.

“Decidimos participar no certame Vilas en Flor Galicia porque coincidimos nos obxectivos e nas liñas de acción que promove. Non buscamos gañar porque somos conscientes de que estamos comezando a traballar, mais as valoracións que recibimos son positivas para avaliar as nosas estratexias de desenvolvemento e corroborar que camiñamos pola senda correcta”, afirma Barros.

Este ano, na memoria enviada ao certame antes da visita do xurado, o Concello de Mondariz presentou proxectos xa avanzados como a recuperación do Campo da Minada coa construción dun centro de ocio e deporte urbano, que se enmarca dentro da estratexia de conectar o río Tea e afluentes como o río Xabriña co centro urbano e garda relación con outros proxectos en desenvolvemento como a ampliación e mellora da senda fluvial peonil de Laredo/Coviña entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro e a futura construción dun albergue turístico na parcela municipal da Cela, próxima ao curso fluvial.

Tamén se incluíu a redacción dun proxecto de humanización do centro urbano de Mondariz, no marco do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra, que contribúe a sentar as bases da necesaria modernización das instalacións urbanas do concello (electricidade, alumeado público, telecomunicacións, auga, saneamento…) e presenta cálculos e deseños de novas redes e sistemas máis eficientes para a conservación e mantemento desas instalacións.

“Recentemente convocamos á veciñanza a unha reunión para informar, aclarar dúbidas e escoitar opinións sobre este proxecto de humanización; a participación veciñal é constante”, destaca o alcalde. Esta promoción da participación veciñal na definición de políticas municipais orientadas á mellora da sostibilidade ambiental e da calidade de vida foi un aspecto especialmente valorado polo xurado de Vilas en Flor Galicia o ano pasado, e de seguro que tamén o será este ano.

Outros artigos