Mondariz mellora o campo municipal de fútbol da Lagoa

Os investimentos superarán este ano os 70.000 euros  

Mondariz | O Concello de Mondariz ten proxectado este ano mellorar a accesibilidade do campo municipal de fútbol da Lagoa, cun investimento de 62.000 euros. Estas obras suporán unha remodelación da bancada e doutros elementos destas instalacións deportivas que aínda non están adaptados ás persoas usuarias con problemas de mobilidade. Desta suma, 40.000 euros estarán financiados pola Xunta de Galicia e os 22.000 euros restantes, pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

Estas, con todo, non son as únicas obras de mellora que realiza o Concello de Mondariz no campo municipal de fútbol da Lagoa este ano. Nos últimos meses instaláronse equipamentos para o tratamento de auga grazas a un investimento de case 10.000 euros, procedente do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

“Esta subministración tiña dous obxectivos principais: por unha banda, potabilizar a auga das instalacións deportivas, e por outra, controlar con maior eficiencia o consumo e o almacenamento de auga”, explica Poldo Tato, concelleiro de Deporte e Medio Ambiente.

O campo municipal de fútbol da Lagoa fora modernizado en 2019 grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos 2018 e 2019. Aquela actuación supuxo melloras nos baños e vestiarios, mais non considerou aspectos importantes como o sistema de potabilización e control da auga subministrada ou a accesibilidade ao recinto.

“Decidimos instalar un completo sistema de potabilización, con bomba dosificadora de cloro, contador e depósito de aceiro de 200 litros, para garantir a salubridade da auga para o consumo humano. Aproveitamos as obras para implementar un sistema de control do gasto de auga e prever o seu almacenamento mediante un alxibe para os períodos estivais de seca”, comenta Tato. “Con estas reformas, non só se asegura a subministración de auga para os vestiarios, senón tamén para regar o campo natural durante o verán”.

No tocante á accesibilidade, até agora non existían prazas de aparcamento adaptadas e reservadas para usuarias con cadeira de rodas. Tampouco prazas adaptadas para usuarias con cadeira de rodas no campo de fútbol de herba natural e un itinerario que una estas prazas coas novas instalacións (cafetería, baños adaptados e vestiarios). Respecto da bancada, unha das dúas partes non fora modificada e presenta importantes problemas de accesibilidade. “Con este investimento de 62.000 euros queremos garantir o dereito de accesibilidade universal”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.