Mondariz mellora as instalacións de lecer para a mocidade

Con financiamento da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia

Mondariz | Nestes días comezan as obras de mellora do parque infantil situado no Monte da Ovella, onde o ano pasado xa se levantou unha innovadora ampliación cuberta coa financiación da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia

Nas proximidades, o Goberno municipal tamén está promovendo a construción dun Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada para atraer á mocidade e dar vitalidade a un importante espazo urbano que estaba en estado de abandono.

As obras de mellora no parque infantil de Mondariz –situado no Monte da Ovella, xunto á biblioteca pública municipal– xa foron licitadas e comezarán estes días. Esta é unha actuación financiada pola Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2021, que leva tempo na axenda do Goberno municipal de Mondariz. Está previsto que se cambie o chan e se renove o mobiliario para dar maior seguridade a estas instalacións.

Unhas instalacións xa ampliadas en 2021
Estas obras de mellora no parque infantil veñen a complementar actuacións anteriores impulsadas polo Goberno municipal para modernizar as instalacións. No ano 2021, sen ir máis lonxe, levantouse unha ampliación cuberta do parque infantil valorada en case 50.000 euros, con fondos da Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2020, e da Xunta de Galicia.

Construción de infraestruturas para a mocidade
Nas proximidades do Monte da Ovella, así mesmo, o Goberno municipal está promovendo a construción dun novidoso Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada, situado ao lado do CPI de Mondariz e moi ben conectado coas principais praias fluviais da localidade.

O ano pasado, aproveitando a financiación do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, levantouse un circuíto asfaltado de pump track sobre un decrépito campo de fútbol construído hai anos que estaba en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para competición.

O ambicioso proxecto de construír un Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada –con pistas multideportivas, circuíto de calistenia e pequeno rocódromo para unha iniciación na escalada de bloques que complementan o xa construído circuíto asfaltado de pump track–, poderá executarse este ano, dentro do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon), que financiará as obras con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

“Estas obras, cando se executan, son o resultado de meses e mesmo anos de traballo político e administrativo. Detrás hai ideas e proxectos que buscan mellorar a calidade de vida da poboación, así como múltiples xestións para acadar os recursos necesarios. Este Goberno municipal tiña claro desde o principio do seu mandato que había que realizar investimentos para mellorar as infraestruturas, e así contribuír a fixar poboación e atraer visitantes”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A Deputación de Pontevedra ten aplaudido estas iniciativas municipais. Sobre o Centro de Ocio e Deporte Urbano, durante a sinatura do convenio correspondente no marco do plan ReacPon, a presidenta da institución comentou que ten a capacidade de xerar “atracción e actividade económica” para toda a contorna. “Estamos diante dun proxecto que é un gran acerto, porque cumpre moitos obxectivos”, dixo naquel momento.

VER FONTE: https://www.depo.gal/es/-/noticia-convenio-reacpon-mondariz.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos