
Ourense | A Asemblea Comarcal celebrada pola formación nacionalista escolleu, por unanimidade, a Mirian Opazo como nova responsable comarcal do BNG Arnoia-A Limia. Opazo toma así o relevo de Marcos Nogueiras – alcalde de Vilar de Santos –, que deixa esta responsabilidade tras unha etapa na que o BNG reforzou a súa presenza política nun territorio no que o nacionalismo conta actualmente con tres alcaldías e unha importante implantación municipal.
A elección unánime supón o respaldo da militancia a unha das referentes políticas do BNG na comarca e no conxunto da formación, cunha traxectoria ligada á labor política e organizativa e unha capacidade de traballo e de asunción de responsabilidades amplamente demostrada.
Desde o BNG destacan que Opazo “xa demostrou sobradamente a súa capacidade de traballo, o seu criterio político e o seu compromiso coa organización e coa comarca”. “Mirian é un valor do BNG no presente e, precisamente por iso, ten tamén unha brillante proxección de futuro”, sinalan.
A súa elección responde, segundo a formación nacionalista, ao recoñecemento dese percorrido e capacidade, e á confianza depositada nela para asumir unha nova etapa á fronte da comarca “con plena solvencia”.
Mirian Opazo afronta esta responsabilidade desde o coñecemento directo do territorio e da realidade da Arnoia-A Limia así coma do funcionamento da organización, cunha vontade clara de seguir afianzando o proxecto nacionalista, ampliar a súa capacidade de incidencia política e social, e fortalecer o traballo das estruturas locais.
“Asumo esta responsabilidade con moita ilusión, pero tamén con total consciencia do que significa. O BNG ten aquí unha base organizativa moi forte, con moita xente comprometida, e o noso reto é seguir facéndoa medrar e conseguir que cada vez máis persoas vexan nela unha ferramenta útil para transformar a nosa comarca”, sinala a nova responsable comarcal.
Opazo reivindica unha política baseada na proximidade e no contacto directo coa veciñanza. “A xente está – estamos – cansos da política que se fai desde os despachos, en Madrid. No BNG tratamos de estar todos os días no territorio, escoitando, acompañando e defendendo os intereses das nosas veciñas e veciños. Hai moito por facer e temos unha organización e un equipo perfectamente preparados para facelo”, afirma.
Entre os principais retos que identifica para a Arnoia-A Limia están a defensa dos servizos públicos, o futuro do sector agrogandeiro, o acceso á vivenda, as oportunidades para a mocidade ou os problemas de mobilidade. “En definiIva”, apunta, “a necesidade de garantir que vivir no rural non signifique ter menos dereitos”.
A nova dirección comarcal estará formada, ademais, por Vanessa Díaz, de Xunqueira de Ambía, como vicerresponsable, e Roi García, de Allariz, como responsable de organización. O equipo contará tamén con Sonia Fondevila, de Porqueira, como persoa contratada de apoio ao traballo político do BNG na comarca.
As nacionalistas encaran así esta nova etapa, dando continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos e coa mirada posta nos retos presentes e futuros da Arnoia-A Limia, cunhas eleccións municipais no horizonte para as que, aseguran, o BNG é alternativa sólida de futuro.




