
Ourense | O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organizou unha mesa redonda no Liceo de Ourense sobre “Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais” na que participaron xornalistas e fotógrafos de diferentes medios de comunicación.
Belén Regueiro, presidenta do Colexio, comezou decindo que “Galicia é un un dos lugares nos que se está a vivir en primeira liña esta mudanza tan perigosa para as persoas, para os bens e para o ambiente que estamos experimentando nos últimos anos coas chegada dos incendios de sexta xeración”. “Informar da emerxencia en si é moi difícil e cada vez tamén máis perigoso e saber explicarlle á sociedade todos os factores que inflúen nesa complexidade de causas e de consecuencias dos incendios tamén require moito coñecemento, dedicación e experiencia”, dixo. Necesitamos como profesión, por unha banda, explicarnos e reivindicarnos ante a sociedade”, comentou.
Intervencións
Deseguido, daba paso a unha mesa redonda, moderada por Jorge Isla, representante da demarcación de Ourense no Pleno Territorial do Colexio, que presentou os membros da mesa: o director do Periódico O SIL, Carlos G. Hervella, o fotoxornalista de La Voz de Galicia Santi M. Amil, Miguel Cao, xornalista de La Región; Uxía Carrera, xornalista de La Voz de Galicia e Juan Maceiras, redactor xefe de Cope Ourense.

Cada un deles foi compartindo a súa experiencia profesional vinculada os lumes a partir de diferentes temas que ía propoñendo o moderador, quen comezaba cunha sinxela pregunta: ¿que supuxo o verán do 2025?. En xeral, a maior parte dos intervintes concidían en que estes incendios foran algo moi diferente ao vivido ata agora e explicaba cómo o seu labor se centraba en contar as historias dos afectados polo lume, en concreto, Juan Maceiras matizou que únicamente se centrou e recoller esas vivencias, “non falei con ningún alcalde, só con veciños” e poñía o foco no “compromiso social do xornalismo” e na relevancia de que este labor informativo fose realizado por xornalistas.
Incendios se sexta xeración
Pola súa banda, o director do xornal O SIL, Carlos G. Hervella, contextualizaba a realidade dos incendios forestais no marco temporal dos últimos trinta anos, con referencias a incendios especialmente graves vividos da provincia, como o de agosto do ano 2000 en Valdeorras e, como co paso dos anos, foron evolucionando, ata chegar ao incendio de xullo do 2022, tamén nesta comarca, no que aparecían xa elementos dos chamados incendios de sexta xeración e no que se vivía unha auténtica emerxencia, de feito ardían localidades como Alixo (O Barco), A Veiga de Cascallá e O Castelo (Rubiá), e vivíanse situacións de gran perigo para as persoas.
“E, tres anos anos despois, a historia repetíase cun incendio de sexta xeración, que supuxo que a comarca de Valdeorras estivera case un mes ardendo, ao mesmo tempo que se producían grandes incendios no resto da provincia de Ourense, como o de Chandrexa de Queixa-Vilariño. Ante esta situación foi determinante a resposta da cidadanía, cun protagonismo especial da xente nova”. Explicou, dende a súa experiencia de máis catro décadas na profesión, como abordar a tarefa fotoxornalística dende o terreo, “sempre fuxindo do sensacionalismo, mantendo o respecto por esas persoas, sen interferir nin alterar o seu traballo e con moita sensibilidade e coidado, especialmente coa veciñanza afectada, moi fráxil neses momentos tan duros”.
No xornal O SIL, engadíu, “informamos destes incendios de dúas formas diferentes, na edición dixital na que contamos minuto a minuto a situación, falamos coa veciñanza, cos membros dos operativos, coas administracións tanto estatais como galegas, provinciais e locais, e movémonos polo territorio para narrar en primeira persoa e sobre o terreo o que acontecía”.

Por outra banda, os contidos da edición en papel deste xornal, cunha edición mensual, eran diferentes, xa que se aposta por realizar “unha análise do acontecido achegando datos, testemuños, o punto de vista do conxunto das administracións e tamén falando con expertos para poder explicar o sucedido, con documentación e opinións profesionais de referencia”.
Para o fotógrafo de La Voz de Galicia, Santi M. Amil, que lembraba o seu “bautismo nos incendios a finais dos 90 no Xurés”, a diferenza dos incendios do pasado verán era a prolongación no tempo do lume, “foron 45 días seguidos ardendo” e detallaba as condicións climáticas que incidían nesa situación. Ademais, na súa opinión, “a gran diferenza con respecto a outros incendios era a postura das autoridades e o control da administración pública sobre os movementos dos xornalistas polo territorio, tivemos problemas con brigadas e con outras institucións para poder acceder a certos lugares, e poder moverte é fundamental para recoller a realidade do que pasa e moitas veces impedíase o noso traballo”.
Entre as vivencias que destacaba Miguel Cao, xornalista de La Región, estaba o apoio a un veciño de Valdeorras detido en Petín como presunto autor dun incendio forestal, dous autobuses e numerosos coches particulares chegaban aos Xulgados de Trives para apoialo e manifestar que consideraban inxusta a detención.
Monte activo
Outro dos eixos temáticos abordados foi o relativo a que facer para evitar que esta situación se repita. A meirande parte dos membros da mesa, entre eles, a xornalista Uxía Carrera, incidían na relevancia de manter un monte activo, co gandería, viticultura e outras actividades agrarias, así como na necesidade de apostar de verdade pola vida no rural.
Carlos G. Hervella lembroua como, ademais de informar, no xornal O Sil sempre se apostou “por sensibilizar e crear conciencia social fronte aos incendios forestais, facendo pedagoxía da importancia de coidar os nosos espazos naturais (con pósters, reportaxes, imaxes do noso calendario de sobremesa…), ademais de incidir na relevancia das actividades agrogandeiras que permiten ter o monte limpo. E, mesmo nunha ocasión, hai máis de vinte anos, lanzamos dende O SIL unha campaña titulada “Algúns queiman… Nós plantamos”, sen ningún tipo de axuda pública, na que se repartían entre os nosos subscritores e lectores unha bolsiña con catro sementes de teixo, con instrucións para plantalas de forma axeitada. E que tivo moi boa acollida”.




