Mercatea abre as súas portas en Ponteareas

É o sexto Mercado Excelente de Galicia

Ponteareas | Ponteareas escribiu hoxe unha das páxinas máis importantes da súa transformación urbana coa inauguración oficial de MercaTea, o novo mercado municipal instalado nas antigas naves de Aceros do Tea. O novo espazo nace xa co distintivo de “Mercado Excelente de Galicia”, converténdose no sexto mercado da comunidade en obter esta certificación e situando a Ponteareas como referente da modernización do comercio de proximidade.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o director xeral de Comercio, Gabriel García; o deputado provincial Alejandro Lorenzo; e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto aos membros da Corporación Municipal, comerciantes e numerosos veciños.

Durante a inauguración, o presidente da Xunta destacou que MercaTea representa “un exemplo da aposta do Goberno galego pola modernización e impulso das prazas de abastos”, salientando tamén que practicamente todos os postos xa están ocupados e que Galicia aspira a contar con 25 Mercados Excelentes no ano 2030.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, definiu esta xornada como “un deses días que quedan gravados para sempre na historia dun pobo”. “Hoxe non inauguramos só un mercado. Abrimos unha nova etapa para Ponteareas. Recuperamos un edificio emblemático para poñelo ao servizo das persoas, fortalecemos o comercio local, revitalizamos esta zona da vila e demostramos que é posible conservar a nosa identidade mirando ao futuro.” A rexedora lembrou que durante máis de corenta anos o mercado municipal foi un lugar de encontro para xeracións de ponteareáns e que hoxe esa historia continúa “nun espazo moderno, accesible, sostible e preparado para responder ás necesidades actuais sen perder a súa esencia”. Silvia Férnandez, a concelleira de Urbanismo, foi a encargada de abrir o acto, quen recordou que durante décadas, a actividade desenvolveuse no antigo mercado municipal, “nun edificio pensado para outra realidade comercial, e agora recuperamos outro edificio fundamental da nosa memoria”. Fernández destacou que este proxecto foi, “desde o primeiro momento, unha aposta clara, valente e decidida da nosa alcaldesa, Nava Castro”. A concelleira de urbanismo salientou que “o novo MercaTea conta cun edificio renovado, accesible e funcional, integrado cunha nova urbanización exterior que incorpora arredor de 1.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos públicos, mellorando a conexión coa estación de autobuses e coa contorna residencial e convertendo esta parte da vila nun novo punto de encontro para a cidadanía”.

A alcaldesa agradeceu expresamente o compromiso da Xunta de Galicia polo financiamento íntegro da actuación, cun investimento de 1 millón de euros, así como o traballo dos técnicos municipais, das empresas construtoras e, especialmente, dos praceiros, que participaron activamente no deseño dun mercado adaptado ás necesidades reais do comercio local.

O seguinte paso: a gran Biblioteca Municipal
Para o Concello, a inauguración de MercaTea non supón o remate dun proxecto, senón o inicio doutro. O traslado do mercado permitirá transformar o antigo edificio da Praza de Abastos na futura Biblioteca Municipal, un equipamento cultural de máis de 2.500 metros cadrados dedicado á lectura, ao estudo, á formación e ao encontro interxeracional, un dos proxectos máis demandados pola veciñanza desde hai décadas.

“Cada proxecto que rematamos abre a porta ao seguinte. Así entendemos a acción de goberno: planificando, recuperando patrimonio, mellorando os servizos públicos e construíndo o Ponteareas que queremos deixar ás próximas xeracións”, concluíu Nava Castro. Cabe destacar que mentres se realizaba a inauguración, ás aforas do recinto rexistrouse unha protesta de veciños contrarios á nova localización do Mercado Municipal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.