
O Carballiño | O sábado 20 de xuño, ás 12:30 horas no espazo OZOCOgz, presentación de ROTSPANIER. Un miliciano galego no exilio francés (1939-1945), de Juan Galán. Esta presentación faise en parcería coa Asociación da Memoria da Castela Galega, do Carballiño. O autor estará acompañado por Manuel Vázquez, presidente da AMCG.
Juan Galán recolle en Rotspanier a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal, emigrado ao País Vasco na década de 1920, que loitou como miliciano no Exército de Euskadi. Como tantos outros españois, a inicios de febreiro de 1939 cruzou os Pirineos para exiliarse en Francia, onde sería internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, forzado a traballar en compañías de traballo (CTE e GTE) na zona controlada polo Goberno de Vichy, e, posteriormente, para a Organización Todt, na zona ocupada polos nazis, na construción do Muro Atlántico. É esta unha obra de grande interese pola información que nos proporciona sobre eses miles de republicanos (os Rotspanier) que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.

O xoves 25 de xuño, ás 20:00 horas conversa sobre Gaza e a flotilla Sumud Global, cuxos integrantes foron apresados en augas internacionais polo exército israelita. Para esta conversa estarán connosco o cangués Benito González mailo carballiñés Alberte Pagán, ámbolos dous formaban parte da flotilla interceptada.
E o xoves 2 de xullo, ás 20:00 horas, concerto de Icía Varela e as xaponesas Haruna Chatani e Yoshimi Tsujimoto nun espectáculo de fusión cultural irrepetíbel. Este vai ser un concerto único que só se repetirá e tres localidades máis, todas elas na costa, Muxía, Camariñas e Buño.
Icía Varela é unha coñecidísima cantareira galega e divulgadora da música tradicional. A través do canto popular, participa na conservación e transmisión do patrimonio musical de Galicia, colaborando en proxectos que promoven o intercambio cultural e o diálogo entre tradicións de diferentes lugares do mundo.

Haruna Chatani é unha música xaponesa que interpreta instrumentos tradicionais do seu país, como o kōto, combinándoos tamén con instrumentos da tradición galega como a gaita e a pandeireta. O seu traballo artístico nace do encontro entre Galicia e Xapón, creando pontes entre ambas culturas mediante a música.
Yoshimi Tsujimoto é unha intérprete xaponesa especializada na frauta tradicional de bambú xaponesa. A través da delicadeza e expresividade do seu instrumento, achega ao público a riqueza da tradición musical do Xapón, participando en proxectos que fomentan o diálogo entre culturas a través da música. Xuntas ofrecen unha proposta artística singular na que as sonoridades tradicionais de Galicia e do Xapón se atopan para crear unha experiencia musical chea de sensibilidade, respecto polas raíces e espírito de encontro. O concerto farase coa fórmula de Taquilla Inversa.




