Memoria fotográfica de Tui

Coa mostra ‘A orixe da fotografía de Tui’ na Sala Municipal de Exposicións

Tui | Os catro primeiro fotógrafos que tiveron estudo en Tui, Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez, son os protagonistas da mostra “As orixes da fotografía en Tui”.

A mostra, organizado polo Concello de Tui, foi inaugurada o pasado sábado, na Sala de Exposicións Municipal, no marco das actividades programadas nas Festas de San Telmo. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, o deputado provincial Carlos López Font, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, o historiador Carlos Castelao, e os comisarios da exposición Javier Álvarez Ribadulla e Jose Font.

A mostra recolle as orixes do oficio da fotografía e a chegada dos primeiros fotógrafos e estudos á cidade de Tui. Esta selección de traballos fotográficos pon de manifesto a importante fonte de información que supoñen estes traballos para entender e coñecer o pasado e así axudar a revelar a imaxe do que somos e o que é hoxe en día Tui.

Cun percorrido que tamén fala da chegada desta arte a Galicia, cara o ano 1841, recóllense imaxes e datos de distintas personalidades tudenses coma Rosendo Bugarín, o primeiro fotógrafo tudense de nacemento, pero tamén do pioneiro neste arte da fotografía na cidade como foi o fotógrafo orixinario da Cañiza Maximino Antonio Rodríguez, que montou o seu establecemento en 1870. Tamén se recollen os retratos de Pedro Varela Burgo-da Ulla, natural de Lugo que foi o segundo fotógrafo en ter gabinete de fotografía en Tui. Forma parte tamén desta exposición Gonzalo Gutiérrez que continuou a saga iniciada polo seu pai, José Félix Gutiérrez Rodríguez.

Na exposición pódense visualizar retratos individuais e familiares, encontros de músicos e de amigos, todos eles feitos por catro destes fotógrafos ‘residentes’ en Tui Así coma dúas fotografías de María Vila Fernández, a esposa de Pedro Varela, que foi unha das poucas mulleres con estudo propio na provincia de Pontevedra.

A mostra ‘A orixe da fotografía en Tui’ pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, visitar de luns a venres en horario de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h, e sábados, domingos e festivos de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.