Melloras no abastecemento de auga no Porriño

Obras impulsadas polo Consorcio de Augas do Louro

O Porriño | O Consorcio de Augas do Louro está a realizar obras de mellora na rede de abastecemento consistentes na interconexión do ramal de fibrocemento que percorre a rúa Ramiranes, paso a nivel e Avenida de Galicia co ramal de fundición dúctil que percorre o Camiño da Foz e a rúa Relva (PO-2401) ata Torneiros.

“Esta actuación buscar garantir o subministro de auga á parte leste do Porriño dotando á rede nesa zona con dúas entradas de auga, o que permitirá ademais nun futuro proceder á renovación da canalización de fibrocemento que cruza polo paso a nivel”, explicou o alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo.

As obras inclúen a execución de 25 metros de canalización de 200 mm de diámetro e un arquetón no Camiño da Foz, no que se instalará unha toma en carga na tubaxe existente de 300 mm, unha válvula reguladora de presión de diámetro 150 mm, dúas válvulas de peche, un filtro, conos de redución e demais pezas especiais.

Realizarase a conexión deste novo ramal coa tubaxe que de 200 mm que percorre a Avenida de Bos Aires. Na rúa Peña executarase unha nova arqueta e instalarase unha válvula de comporta de 200 mm de diámetro. O importe das actuacións ascenden a 45.178,60 €, financiados con fondos propios do Consorcio.