Melloras de camiños en catro parroquias do Covelo

Son os casos das parroquias de Piñeiro, Covelo, A Lamosa e Paraños

O Covelo | O goberno de Covelo continúa na súa aposta pola mellora da calidade de vida da veciñanza e, nestes días, executa o proxecto de pavimentación de camiños en Piñeiro, Covelo, A Lamosa e Paraños.

O Concello investe, así, un total de 112.905 euros executando unha obra completa de renovación de pavimento con formigón armado no camiño do Souto e rúa Fonte do Chorlo en O Piñeiro de Areas, Piñeiro; pista das Penizas en Corzós, A Lamosa; camiño Picoto en Picoto e camiño da gasolineira en Paraños. Tamén intervén na rúa Vercal en O Mangón de Arriba, Covelo e na rúa Portacortiñas en Paraños, mellorando, ademais, a drenaxe superficial ao atoparse o pavimento actual en mal estado.

Entre os traballos que se realizan, está a demolición de pavimentos en mal estado, a instalación de canaletas con rellas de fundición nos lugares necesarios, colocación de arquetas e sumidoiros, canalizacións de regadíos, limpeza de cunetas e arcéns ou pintado das marxes donde proceda.

O alcalde Pablo Castillo adianta que é prioridade deste goberno mellorar o día a día das persoas atendendo primeiro á mellora dos servizos básicos. Con esta nova intervención non só se garante un paso de seguro da veciñanza, tamén o acceso de servizos de subministros e de atención sanitaria, entre outros. Ademais, mellora o emprazamento dos negocios de hostalaría, turismo ou explotacións gandeiras locais. Este investimento súmase aos xa executados ao longo deste ano na mellora de camiños en Barcia de Mera, Campo, Casteláns, Godóns, Paraños, Piñeiro, Prado da Canda, San Salvador de Prado e Santa Mariña e que superan os seiscentos mil euros.