
A Caniza | A distinción, recollida no Regulamento de Honras e Distincións do Concello, recoñeceu a extraordinaria traxectoria deportiva, social e humana da entidade e o seu compromiso coa promoción do deporte, a formación en valores e o fortalecemento do tecido social do municipio. O pasado sábado, 1 de agosto, ás 21:00 horas, o Salón de Plenos da Casa Consistorial acolleu o acto solemne de entrega da Medalla de Ouro da Vila ao Clube de Fútbol Cañiza. A cerimonia, presidida polo Alcalde Luis Piña, reuniu ao Equipo de Goberno e membros da Corporación Municipal, á gran familia do Clube de Fútbol Cañiza e a numeroso público que encheu o Salón de Plenos para acompañar á entidade nesta emovita xornada.
O acto oficial deu comezo coa benvida do Alcalde, seguida da lectura, por parte da 1ª Tenente de Alcalde Mª José Rodríguez, da resolución pola que a Corporación Municipal acordou conceder ao Clube de Fútbol Cañiza a Medalla de Ouro da Vila. O acordo, aprobado por unanimidade no Pleno celebrado o 28 de decembro de 2021, recoñeceu a extraordinaria traxectoria deportiva, social e humana da entidade, así como os servizos prestados á vila durante décadas, a súa contribución á promoción do deporte e á formación en valores como o esforzo, o compañeirismo e o respecto.
De seguido, o Alcalde fixo entrega da Medalla de Ouro da Vila aos representantes do Clube de Fútbol Cañiza, nun dos momentos máis emotivos da cerimonia, dando paso á intervención do expresidente Carlos Mera Rodríguez, quen realizou un percorrido pola historia da entidade, lembrando as súas orixes, que se remontan ao ano 1927, e poñendo en valor o esforzo, a dedicación e o compromiso de todas as persoas que contribuíron ao seu crecemento e consolidación ao longo das distintas xeracións.
A continuación tomou a palabra a actual presidenta do Clube de Fútbol Cañiza, Mónica Almuiña Paz, que expresou o agradecemento da entidade por este recoñecemento institucional e destacou que a Medalla de Ouro pertence a todas as persoas que, desde a fundación do Club, contribuíron a construír a súa historia.
O Alcalde pechou a rolda de intervencións destacando o significado desta homenaxe e felicitando á gran familia do Clube de Fútbol Cañiza por este merecido recoñecemento. Luis Piña lembrou que o anuncio da concesión da Medalla de Ouro se realizou durante o acto conmemorativo do 50 aniversario da federación do Clube de Fútbol Cañiza, celebrado o 14 de agosto de 2021, no que tamén se puxeron en valor os cincuenta anos de existencia federada (1971-2021), os vinte e cinco anos da Escola Deportiva Cañiza Clube de Fútbol e a traxectoria dunha entidade que forma parte da historia da Caniza desde hai case un século.
Luis Piña tivo tamén palabras de recordo e gratitude para todas as persoas que asumiron a presidencia do Club ao longo da súa historia, lembrando especialmente aos presidentes xa falecidos e agradecendo o labor desenvolvido por directivos, adestradores, colaboradores, xogadores, familias e afeccionados, que fixeron posible que o Clube de Fútbol Cañiza continúe sendo un referente deportivo e social para o municipio.
A continuación, en representación do Club, Carlos Mera, presidente fundador e honorífico, asinou no Libro de Honra do Concello, deixando constancia deste recoñecemento institucional.
Así mesmo, o outorgamento da Medalla de Ouro da Vila quedou inscrito no Libro de Honras e Distincións do Concello, conforme ao establecido no Regulamento de Honras e Distincións.
A interpretación do Himno de Galicia puxo o broche final á cerimonia, que concluíu coa tradicional fotografía de familia entre as autoridades municipais e os representantes do Clube.
Coa entrega desta distinción, o Concello quixo expresar o agradecemento da institución e da veciñanza á traxectoria dun club que, ao longo de case un século, soubo converter o deporte nunha ferramenta de formación, integración e convivencia, deixando unha fonda pegada en varias xeracións de canicenses e contribuíndo a proxectar o nome da Caniza dentro e fóra do municipio.




