Martiño Noriega reivindica a “Compostela desexada” no Fórum Europa

“O Goberno da capital galega ten que ter abertas todas as liñas de diálogo coa Igrexa, coa Universidade e coa Xunta de Galicia”

Martiño Noriega Forum Europa

Santiago de Compostela | O alcalde participou no Fórum Europa Tribuna Galicia, organizado por Nueva Economía Fórum no Hostal dos Reis Católicos. Martiño Noriega aproveitou a súa intervención para reivindicar a “Compostela desexada” e para comprometer “o traballo da totalidade do grupo de Goberno para atender os grandes e pequenos retos que ten Santiago”.

O rexedor explicou que esa “Compostela desexada” é unha cidade “na que se coidan os pequenos detalles, e por iso estamos traballando por garantir o mantemento, por mellorar a situación rural, por acondicionar novas sendas verdes das que poida gozar a veciñanza, e por devolverlle os espazos públicos á cidadanía”. Ademais, Martiño Noriega lembrou que a capital galega segue tendo grandes infraestruturas pendentes como a estación intermodal, a ampliación da AP-9 ou a nova estación depuradora de augas residuais.

Participación e solidariedade

Nesa procura da cidade desexada, o alcalde adiantou a necesidade de seguir apostando pola participación útil da cidadanía e por termos unha capital solidaria. Así, defendeu “os novidosos procesos postos en marcha dende o Concello de Santiago como o dos orzamentos participativos ou a auditoría cidadá elaborada durante o primeiro ano de mandato e que guía a acción de goberno.”

Martiño Noriega tamén se referiu á aposta polas políticas sociais, “duplicando o gasto social e a contía destinada ás bolsas de comedor e aprobando unha ordenanza novidosa a nivel estatal que deixa de tratar ás persoas en risco de exclusión baixo o amparo da lei de subvencións”.

Colaboración institucional

Por último, o alcalde referiuse á necesaria colaboración institucional que ten que impulsar o Concello de Santiago. Nesa liña, Martiño Noriega defendeu que “o Goberno da capital galega ten que ter abertas todas as liñas de diálogo coa Igrexa, coa Universidade e coa Xunta de Galicia”. De igual maneira, reivindicou o papel do Consorcio e “o traballo que se está a facer para conseguir unha nova convocatoria do Real Padroado”.

Outros artigos