Marta Lois será a candidata de Sumar para as autonómicas 2024

A formación alcanzou tamén un preacordo con Unidas Podemos e Esquerda Unida

Santiago de Compostela/Sumar | A portavoz do Grupo Plurinacional de Sumar no Congreso dos Deputados e deputada de Sumar Galicia pola provincia da Coruña, Marta Lois, acaba de ser ratificada como candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta de Galicia.

Tamén coñeceuse dun preacordo de coalición de Sumar chegou con Unidas Podemos e Esquerda Unida (UE) para que Marta Lois sexa a candidata unitaria.

Previo ao acto de presentación da candidata, a comisión promotora de Sumar Galicia, composta por 50 membros, aprobou a proposta de candidatura realizada polo voceiro da formación, Paulo Carlos López. Lois foi presentada oficialmente como candidata nun acto no que a agora candidata estivo arroupada pola líder de Sumar, Yolanda Díaz. Lois reiterou ante as persoas asistentes que Sumar será a chave para o cambio de goberno na Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Lois fixo referencia ás políticas útiles como marca da casa Sumar e avanzou que xa é hora de que esas políticas cheguen ao goberno galego. “Acabouse o dedicar máis tempo a criticar ao goberno progresista que a facer políticas útiles para as galegas e os galegos”, afirmou a candidata.

“Fixémolo en xullo, farémolo de novo agora no noso país”, salientou Lois, quen interpelou directamente ás galegas e galegos que votaron Sumar Galicia o 23 de xullo, sinalando que “se saen a votar, se votan Sumar, haberá cambio en Galicia”. “Sumar será determinante en Galicia, porque onde hai un Sumar forte hai un goberno progresista forte”, afirmou a candidata á presidencia ante os asistentes ao acto de presentación.

A portavoz e candidata á Xunta anunciou tamén que o vindeiro 12 de xaneiro terá lugar un gran acto de Sumar Galicia na cidade de Vigo. Lois afirmou que durante as próximas semanas o seu obxectivo será percorrer o país para “atoparnos con ese pobo galego que impulsa o cambio”. “Imos impulsar o bloque progresista ata sacar as políticas do PP da Xunta, para democratizar Galicia e para garantir os dereitos da nosa xente”, engadiu.

A líder de Sumar e Vicepresidenta Segunda do Goberno do Estado, Yolanda Díaz, afirmou que “Marta é a garantía para mobilizar o voto progresista, para alcanzar un goberno de coalición que faga políticas útiles e se dedique ao que importa”. Segundo Díaz, Lois dá un paso adiante “para abrir un tempo novo en Galicia”. “Quero darche as grazas, Marta, sempre sabes estar onde hai que estar, sempre o ben común, sempre o teu país por diante”, concluiu dirixíndose á xa proclamada candidata.

“Yolanda Díaz: ‘Marta é a garantía para mobilizar o voto progresista”

Ademáis, o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, anunciou na súa intervención un preacordo con Podemos e Esquerda Unida para concorrer xuntas ás eleccións galegas baixo o denominación “Sumar Galicia” e con Lois como candidata á presidencia. Un preacordo que vén de ser tamén ratificado pola comisión promotora da formación.

Marta Lois González (Vigo, 1969) é politóloga, Doutora en Ciencia Política e da Administración e profesora na USC. Membro da comisión promotora de Sumar Galicia, foi concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo no Concello de Santiago entre 2015 e 2019 no goberno de Compostela Aberta. Deputada de Sumar Galicia pola Coruña, Lois preside Sumar desde a súa fundación e ocupa a portavocía do Grupo Plurinacional Sumar no Congreso dos Deputados.

Foi visiting fellow nas Universidades de Essex, Georgetown e Chicago. Participou como investigadora principal proxectos de investigación financiados polo Plan Nacional de I+D e o Instituto da Muller e na actualidade centra as súas liñas de investigación en estudos de xénero, teoría política contemporánea, identidades e políticas públicas de igualdade. Conta con varias publicacións sobre estes temas. Impartiu docencia en diferentes materias como administración pública, teoría política, política comparada e partidos políticos.