María Neira, Premio Ourensanía 2020: “Como non vou estar agradecida a Ourense por darme o mellor pai do mundo”

A directora de Saúde Pública da OMS recibiu este premio en Oviedo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (esquerda) e María Neira durante o acto en Oviedo.

Oviedo | O Premio Ourensanía viaxou hoxe ata Oviedo para facer entrega do galardón correspondente ao ano 2020 á directora de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS), doutóra a María Neira, descendente de pai ourensán, distinguida polo gran labor que desenvolve no ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia da Covid-19.

Un premio, que como dixo a homenaxeada, “faime estar máis agradecida con Ourense por darme o mellor pai do mundo: emprendedor, honesto, xeneroso, que saíu fóra a buscarse a vida, pero que nunca se esqueceu das súas raíces”.

Unhas palabras ás que o presidente provincial, Manuel Baltar, respondeu agradecendo “o traballo que fas e seguirás facendo neste tempo de pandemia, nunha situación dramática na que toda a humanidade dirixía as súas miradas á OMS, personificada nas túas recomendacións e nesa prudencia activa nun momento que esixe non baixar a garda”.

Nun acto celebrado no espazo cultural da praza de Trascorrales e coa presenza do alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, quen agradeceu a elección da cidade para acoller o premio “a unha asturiana universal”, o presidente da Deputación felicitou á premiada e expresou o seu “agradecemento e admiración por un traballo tan profesional realizado nunha situación tan difícil como esta, e desde unha personalidade marcada pola proximidade e a empatía”.

Alfredo Canteli
Manuel Baltar, que agradeceu a xenerosidade do alcalde de Oviedo pola cesión do espazo cultural e pola súa presenza –“nada máis acabar un pleno”- asegurou que tras o aprazamento da entrega do Premio Ourensanía 2020 “non había mellor idea que escoller esta cidade para celebrar este acto, reforzando os vínculos entre Ourense e Oviedo, porque “a Ourensanía non entende de límites xeográficos, é un sentimento”.

Exemplificou este vínculo no Pai Feijoo, protagonista da primeira ilustración, nacido en Pereiro de Aguiar en 1676 e que faleceu na capital asturiana en 1764, “onde repousan os seus restos a escasos metros de aquí na igrexa de Santa María da Corte, protagonista da primeira ilustración e autor do primeiro tratado feminista do que se ten constancia, Discurso de mulleres, o cal cobra hoxe maior relevancia coa distinción a María Neira”.

“Non queremos vender Ourense, senón compartila”, dixo Manuel Baltar aos asistentes, subliñando algunhas das súas principais fortalezas como o feito de ser “un mar termal, como provincia que somos co maior potencial termal de Europa e cuxa capital estará en semanas a dúas horas e oito minutos de Madrid grazas á alta velocidade, converténdonos na porta de entrada a Galicia e brindándonos novas e interesantes oportunidades”.

Nunha intervención moi persoal e emotiva, María Neira afirmou que fora “unha grandísima idea traer un pedacito de Ourense ata aquí”, lembrando como o pasado ano “en plena pandemia e en momentos moi duros de traballo, recibín unha chamada con acento galego que me dicía que o presidente da Deputación de Ourense quería falar comigo para comunicarme a concesión do premio”. E nunha nova sorpresa, engadiu, “xa que o acto de entrega non puido celebrarse en 2020, a Deputación informoume que viría a Oviedo”.

María Neira asegurou levar a Ourensanía “con moitísimo orgullo”, dedicando este premio a todos os sanitarios e a cantas persoas traballaron nesta pandemia, “e sobre todo a ese ceo de Ourense que me deu tanto, ao que tanto debo agradecer e ao que levo no corazón”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (dereita), preside en Oviedo a entrega do Premio Ourensanía 2020 á directora de Saúde Pública da OMS, María Neira.

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2020, ao que acudiu unha representación do xurado, incluíu a interpretación dos himnos do Antigo Reino de Galicia e de Ourense, a cargo do gaiteiro maior da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Marco Foxo, quen tamén interpretou o himno de Asturias xunto á Real Banda de Gaitas da Cidade de Oviedo.

O xurado do Premio Ourensanía estivo presidido por Manuel Baltar e integrado por Luís González Tosar, Manuel Guede, Patricia Torres, Eva Torres –presentes no acto-, Jesús de Juana, Juan Luís Saco, Miguel Anxo Fernández e Maribel Outeiriño, actuando como secretario Aurelio Gómez Villar.

María Neira
María Neira estudou medicina na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de Endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen fronteiras en Centroamérica e posteriormente trasladouse coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde (OMS) como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas.

Tras isto, en 2002, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente.

Entre os premios que recibiu figuran a “Orde do Mérito Nacional” (Goberno da República Francesa, 2006); o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional á OMS (Fundación Príncipe de Asturias, 2009) que recolleu xunto a Margaret Chan, e o Premio ” Woman” (2015) recibido de mans da Raíña Letizia, recoñecementos aos que une este ano o Premio Ourensanía (2020).