En Marea anima as mulleres de Ourense a que secunden a folga feminista do vindeiro 8 de marzo

Ánxeles Cuña destaca que hai motivos de sobra para mobilizarse, especialmente en Ourense, onde as mulleres teñen as pensións máis baixas do Estado e un emprego moi precarizado

Ourense/En Marea | En Marea chama á mobilización das mulleres o vindeiro 8 de marzo para revindicar a igualdade en tódolos ámbitos da vida, segundo explicou a deputada no Parlamento de Galicia Ánxeles Cuña, quen fai un chamamento a “parar nos traballos, nos coidados, no consumo e no ensino”. Dende un punto de vista laboral “hai unha fenda salarial inaceptable entre mulleres e homes, somos as que asumimos os traballos sen remunerar, os temporais e aínda que seguimos sendo máis da metade da humanidade, o acceso aos postos de decisión e administración son pírricos e irrelevantes”, sinalou a deputada. Se isto segue así, indicou Cuña, en Ourense aínda que hai 2.076 mulleres estudando na univesidade e 1.428 homes, só tres delas chegarían a postos de dirección e o resto serían para os homes. A isto hai que engadir que en todo o ano 2017 en Ourense “non se moveu o emprego feminino”.

Ánxeles Cuña convida tamén as coidadoras a parar o vindeiro 8 de marzo xa que “en Ourense hai preto de 24.000 mulleres dedicadas aos labores do fogar non remunerados, a coidar as persoas con incapacidades permanentes e este problema é o duplo no rural, onde as mulleres soportan o dobre de cargas”. Naqueles casos que non poidan deixar os seus traballos, a deputada sinala que poden colgar un mandil no balcón en sinal de apoio ás reivindicacións.

En Marea fai tamén un chamamento aos homes nesta mobilización: “pedímoslles que asuman todos estes labores e que contribúan á folga”, apuntou Ánxeles Cuña nunha comparecencia coa concelleira Ledicia Piñeiro na sede de Ourense en Común.

Ademais do apoio explícito a esta folga “legal e lexítima” e aos colectivos feministas que a promoven, En Marea tratará nun pleno monográfico tódalas cuestións relacionadas coas desigualdades que padecen as mulleres, no que tódalas preguntas, mocións e interpelacións serán arredor deste tema.