
Ourense | Luís Menor, presidente provincial do PP, pediu a Marcos Martínez, novo presidente dos populares de Viana do Bolo “remar xuntos coa mesma forza e convicción” para gobernar coa confianza “maioritaria e rotunda” da veciñanza. Na clausura do congreso local do partido, ao que se presentaron dúas candidaturas, a segunda encabezada por Carmen Conde, o líder do PP ourensán lanzou unha chamada á unidade para “centrar toda a nosa enerxía no noso único obxectivo, a nosa única meta e responsabilidade colectiva: as eleccións municipais de 2027”.
Dúas opcións significa que “en Viana hai ganas de traballar polo PP e polo municipio”, afirmou Luis Menor, quen puxo en valor as invitacións explícitas á unidade que fixeron ambos candidatos nun “congreso exemplar”. O presidente provincial puxo deberes aos tamén concelleiros. A Marcos Martínez, como novo presidente local, lembroulle que, como proxecto gañador, “ten a obriga de ser xeneroso coa outra opción”. A Carmen Conde pediulle tamén xenerosidade “co ofrecemento de unidade”.
Tras este congreso, advertiu Menor, “só hai un único proxecto: o Partido Popular de Viana do Bolo, onde o reto maiúsculo é conseguir de novo a alcaldía, logo de que o PSOE e BNG aliáranse para arrebatarlle o goberno ao PP mediante unha moción de censura en setembro do pasado ano.
Ambos partidos, criticou o presidente do PP de Ourense, “dedicáronse a facer unha oposición destrutiva, de puro desgaste”, para agora manter unha coalición de intereses que paraliza o municipio: “Iso non é gobernar: é sobrevivir a costa do futuro de Viana do Bolo”. Nesta liña reclamou unha vitoria rotunda nas municipais do próximo ano e facer fronte así a unha oposición destrutiva: “Só con maiorías absolutas sólidas poderemos executar os nosos proxectos con liberdade e con eficacia”.




