Marcha Mundial das Mulleres esixe a dimisión de Rafael Louzán como presidente da FGF

Por apoiar a Luis Rubiales (RFEF) trala agresión contra a campiona mundial Jenni Hermoso

Vigo | O pasado 20 de agosto o presidente da Federación Española de Fútbol Luis Rubiales agredía a Jenni Hermoso, xogadora da selección española, na entrega de trofeos da final do Mundial de Fútbol Feminino nun evento televisado e visto por millóns de persoas no planeta.

Logo de varios días de silencio ao ser preguntado pola agresión na homenaxe a Tere Abelleira, Rafael Louzán respostou tirando importancia do sucedido declarando que “Son erros que se cometen na vida, e xa pediu desculpas” en referencia a un video no que Rubiales non só non recoñece ter agredido á futbolista senón que minte indicando que o acto fora consentido.

Horas despois Luis Rubiales realizaba un discurso incendiario na Asemblea da Federación Española de Fútbol acusando á xogadora de mentir, mentindo ao decir que foi ela quen provocou a agresión e defendendo que non dimite do seu cargo. Ademáis acompañou o discurso misóxino e manipulador de insultos e acusacións ao movemento feminista por respaldar, apoiar e acompañar á futbolista na súa denuncia de agresión.

Tras este ataque a xogadora e movemento feminista, Rafael Louzán e a Federación Galega de Fútbol seguen sen posicionarse na defensa da agredida e nunha sanción exemplar a Rubiales e a todos os que apoiaron e apoian o seu comportamento.

Dende a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres denunciamos a complicidade co machismo por parte do máximo mandatario do futbol galego e da institución que representa e esiximos a súa inmediata dimisión.

As futbolistas galegas non poden ter como máximo dirixente a quen apoia e respalda comportamentos machistas, mafiosos e violentos contra as propias xogadoras e contra os colectivos que socialmente defendemos o dereito de todas as mulleres a unha vida sen violencia. Falamos ademáis dunha persoa, Rafael Louzán, inhabilitada por prevaricación para o exercicio do cargo público na operación “Patos” e que na actualidade incumple os propios estatutos da Federación Galega de Fútbol.

O deporte galego, nomeadamente o feminino, merece o apoio social e colectivo na loita contra o machismo, hoxe máis que nunca, cando en todo o mundo o deporte feminino e as mulleres erguen a súa voz contra esta agresión e contra todas as que se veñen producindo. É responsabilidade colectiva apartar non só aos corruptos e aos que agreden senón tamén a quen cala, respalda e disculpa estes comportamentos.

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres promove esta recollida de sinaturas non como algo apenas simbólico mas para recadar forza e apoios sociais co obxetivo de presentar ante a Valedora do Pobo a esixencia de dimisión a Rafael Louzán, polas deportistas e as mulleres galegas que non imos consentir máis violencia nas nosas vidas.

Porque se tocan a unha, tócannos e respostamos todas.

Galiza, 26 de agosto de 2023

Entidades que apoian esta recollida de sinaturas:
A Coruña Fillos de Breogán
Asociación Cultural Cultura Aberta
Asociación de Escritoras en Lingua Galega
Asociación de traballadoras do fogar e coidados Xiara
Asociación Feminista As Furias
Asociación Polamiúda
CASCO VELLO CELTA VIGO
Celtarras
Colectivo cultural Ollomao
Colectivo feminista As Curandeiras Vimianzo
Colectivo Republicano de RedondelaColectivo Terra Pontedeume
Comité Anti-SIDA Ourense
Executiva Confederal da CIG
Federación Galega de Ecoloxistas en Acción
Feministas de Catoira “Vikingas bravas”
GALEGUIZA
Levedar Colectivo Feminista Vila de Cruces
Mudega – Mulleres Deportistas Galegas
O Refaixo de Carolina
O Soño de Lilith
ORQUIGAL
Peña Cheka
Peña Deportivista El Bierzo
Podemos A Coruña
Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia