Manter a chimenea das Pontes.

Xosé-Bieito Coello Coello

Definitivamente vanse desmantelar as instalacións de Endesa, ante este feito, gustaríame dirixirme a Concelleira de Cultura, como responsable do Patrimonio local das Pontes e a outros organismos ponteses como Hume, que están facendo un traballo inmenso polo noso patrimonio cultural e os partidos políticos deste Concello, para indicar que os bens patrimoniais dunha localidade non son so as igrexas, as mámoas, as pontes etc, tamén o son moitos outros elementos como árbores singulares, certos edificios, algúns peches con lousas, a nosa fala etc e tamén certas construcións industriais. Destas últimas existen moitos exemplos en España e en todo o mundo, que se poderían citar e que a maioría delas teñen un enorme éxito, fundamentalmente turístico.

Nas Pontes o patrimonio industrial é inmenso, aínda que unha parte del xa se perdeu definitivamente como as oficinas xerais de Calvo Sotelo, que se poderían aproveitar para moitos outros fins, e outros bens patrimoniais, como unha locomotora do tren que levaba o carbón dende a mina á central, e que agora loce moi ben na cidade da enerxía en Ponferrada, que deberíamos visitar.

Custou moito nas Pontes que non se achatarrara unha escavadora, que por certo non se tiña que ter pagado nada por ela e recibila en mellores condicións, -agora está sen sinalizar e mal coidada-, pois Endesa entregou material inservible gratis a moitos lugares como por exemplo ó parque eólico e didáctico de Momán, e non digamos a aportación de Endesa á Ponferrada, ou o museo mineiro de Andorra.

Máis non debemos mirar moito para atrás e centrarnos no que aínda se pode facer, é unha das cousas máis urxentes é evitar que se desmantele a chimenea da central ou máis correcto a fumeira, cousa que non só solicitamos moitos veciños das Pontes senón moita outra xente sensible co patrimonio de Galicia, sen ir moi lonxe, aínda fai uns días se pronunciaba neste senso o catedrático e xornalista M. Luis Casalderrey.

A Xunta de Galicia nunha decisión acertada, seguindo o criterio dalgún técnico de Patrimonio razoable, -despois de que o fixera a Junta de Castilla-Leon coas fumeiras da central de Cubillos, tamén de Endesa, e preto de Ponferrada-, iniciou o trámite de declarar a fumeira, BIC (Ben de interese cultural). Non sabemos se con isto é dabondo para que non se poida derrubar, mais é para preocuparse, pola presión de certos intereses bastardos, e sobre todo se aprecian desinterese nalgunhas institucións e tamén a pasividade de algúns veciños.

“A fumeira é un símbolo das Pontes dende o ano 1975, e é curioso como se identifica con este pobo”

A fumeira é un símbolo das Pontes dende o ano 1975, e é curioso como se identifica con este pobo, e cando a xente pasa polas Pontes en coche párase a quitarlle fotos porque é a máis alta de Europa e unha das máis grandes do mundo. Está en bo estado e o seu mantemento é mínimo, que se cubriría de sobra nun futuro, cobrando unha mínima cantidade por subir a súa cima nun ascensor do que xa dispón.

E moi fácil destruír as estruturas construídas, mais menos mal que o longo da historia houbo moita xente que non tiña a cabeza oca, senón xa estaba tirada a torre Eiffel, que se fixo exclusivamente para unha Exposición Universal en París, e hoxe é o símbolo máis representativo desa cidade, ou entre infinidade de exemplos, a muralla de Lugo, que alguén paranoico propuxo derribar para agrandar urbanisticamente mellor a cidade.

Outra instalación que tampouco debería derrubarse, neste caso fundamentalmente por unha razón industrial e social, aparte de ser tamén patrimonio industrial, é a cuberta do parque de carbóns. Esta instalación no futuro podía ter moitas aplicacións: centro loxístico, centro de exposicións, para a colocacións de naves industriais que non requirirían tellado, etc. Ós partidos políticos deberían implicarse moito no futuro das Pontes, e xa hai unha experiencia, na que fundamentalmente grazas a algúns técnicos de Endesa e a outra xente, que no seu intre puxeran o seu empeño no aproveitamento turístico e deportivo do lago, -que aínda podería mellorarse-, evitaron que Endesa, marchara das Pontes, deixando na mina so unha ruína.