Mais dun millar de persoas e 18 comparsas participarán no Entroido en Mos

Repartiranse 10.000 euros de premios

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras mosenses de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respectivamente, xunto con representantes das comparsas do municipio participantes no tradicional desfile pola Avenida de Sanguiñeda, presentaron esta mañá o cartel e a programación do Entroido 2024 en Mos.

As representantes municipais, Arévalo, Cebreiro e Loureiro, informaron de que o Desfile de Entroido celebrarase como cada ano pola Avenida de Sanguiñeda. Será o domingo 11 de febreiro desde as 17.00 horas e contará coa participación de 1.117 persoas distrubuídas em 18 comparsas entre as que se repartirán un total de 10.000 euros en premios tanto por participación como á mellor comparsa infantil e de adultos, mellor carroza, mellor vestiario e mellor animación. Participarán 14 comparsas de adultos e 4 infantís.

De entre elas 9 de estas comparsas son de Mos: A Cividade participa con 2 comparsas, ‘Chochonteros’ e ‘Trolsciclamos’; a comparsa do Centro Cultural de Torroso chámase ‘La Magia del Material Escolar’; a da AVV Nosa Terra de Pereiras é ‘Super Pereiras World’, a da ARC de Guizán ‘Os Enredos de Guizán’; a da ANPA co CEIP Mestre Mestre Valverde Mayo; 2 da ANPA do CEIP de Atín-Cela, ‘Os molladiños de Atín-Cela’ e ‘A Tormenta dos Molladiños’; e a do Colexio Pena de Francia, ‘Os catro elementos’. Das 9 comparsas mosenses, 4 son infantís e 5 de adultos.

As demais comparsas participantes, chegadas de fóra de Mos, proceden dos Municipios de Vigo, Tomiño, Gondomar, Soutomaior, Nigrán, e Ponteareas.

Por outra banda organízanse tamén as habituais Festa Infantil de Entroido, que este ano terá lugar o luns 12 de febreiro pola tarde no Centro Social e Recreativo de Guizán (en horario de 17 a 20 h con actividades de globoflexia, pintura de caras, talleres de máscaras de Entroido, photocall e música);

Tamén os Campamentos Infantís de Entroido, que se desenvolverán os días 12, 13 e 14 de febreiro en horario de mañá (de 9 a 14.30 h e aula matinal de 8 a 9 h) nas instalacións do CEIP de Petelos, dirixidos a nenos de 3 a 12 anos de idade e con prazo de inscrición do 1 ao 6 de febreiro.