Máis de 200 persoas participaron no turismo verde en Tui

Con motivo do Día Mundial do Turismo

Tui | Tui despide a programación do Día internacional do Turismo 2023 logo dunha gran acollida nas actividades desenvolvidas durante esta fin de semana. Máis de 200 persoas participaron nas diferentes propostas organizadas polo Concello de Tui co obxectivo de achegar ao público local aos recursos naturais e culturais tudenses que contan cun gran potencial turístico e están menos desenvolvidos.

O río Miño é un dos grandes atractivos turísticos de Tui, e o paseo musical en barco programado para o pasado xoves contou cunha gran acollida. As prazas esgotáronse en moito pouco tempo e habilitouse unha quenda extra para dar cabida á ampla demanda rexistrada. Coa empresa Río Miño en Barco, nunha embarcación histórica, e coa música de Lara Villaverde, as persoas que realizaron estes percorridos puideron gozar desta paisaxe transfronteiriza de gran beleza.

Tamén espertou gran interese a visita ao viveiro de Areas creado por Rafael Areses a comezos do século XX e que foi o primeiro viveiro forestal que houbo en Galicia. As persoas participantes trasladaron a súa satisfacción co percorrido e o descubrimento de especies senlleiras, con exemplares únicos en Galicia, centenarias minas de augas e paraxes idílicas. As persoas participantes valoraron a hospitalidade e as explicacións dos membros da Comunidade de Montes de Areas así como da equipa técnica organizadora da actividade que enriqueceu a visita.

Xa onte domingo o guía interprete do patrimonio, Cristián Lago, foi o encargado do percorrido dende a rúa Olímpicos Tudenses até Caldelas. Medio centenar de persoas participaron nesta experiencia na que percorreron 7 quilómetros á beira do Miño gozando da paisaxe e coñecendo recursos tan interesantes como o petróglifo das Carneiras, a pasarela do río Louro, a caseta vixía do contrabando, a lagoa de Caldelas, a capela do Carme de Caldelas e o balneario.

A directora deste establecemento, Ana Rodríguez, agasallou aos asistentes cunha visita polas instalacións onde puideron observar mobiliario, imaxes e recordos orixinais da histórica edificación. Un viño de autor e o regreso en tren turístico foi o remate para unha actividade, que solicitaron que se repita pola súa autenticidade e interese para todos os públicos.

Desde o concello de Tui realízase unha valoración moi positiva destas experiencias desenvolvidas co gallo do Día Mundial do Turismo, tanto pola acollida das actividades e coma polo impacto das mesmas na zona contando con asistentes de Vigo, Tomiño, Gondomar, Mos ou Redondela ademais da veciñanza local. Agradecen ademais a colaboración das empresas que participaron nestes eventos.