Máis de 1.500 visitas este 2023 no Museo do Viño de Salvaterra

Un máximo histórico para consolidarse como un referente a nivel estatal

Salvaterra de Miño | O Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, situado dentro do Castelo de Dona Urraca, no municipio de Salvaterra de Miño, pecha o ano rexistrando un total de 1508 visitas.

Un máximo histórico que sitúa este espazo como un referente cultural sobre a vitivinicultura en España, así o avala o número de visitantes recibidos dende que abrira as súas portas en febreiro do 2019.

Os visitantes que se achegaron neste 2023 ó museo, máis de 1200 procedentes do territorio nacional e case 300 dende fora do país; valoran as instalacións e o trato persoal recibido durante a súa visita.

O carácter didáctico e interactivo do Museo da Ciencia do Viño na promoción do “Condado do Tea” baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas pon en valor unha marca propia ó mesmo tempo que pon de manifesto a riqueza existente da zona vinícola e como destino turístico co selo distintivo: Salvaterra de Miño.

Os meses con maior número de visitas rexistradas foron os de maio, agosto, setembro e decembro; meses que coinciden co período de vacacións e festas xa de relevancia e de promoción dos viños da zona como son a Festa do Viño do Condado do Tea no mes de agosto ou a Festa do Viño Espumoso en decembro. Só durante o mes de agosto foron preto de 300 as persoas que se achegaron ata o museo.

En Galicia, o turismo enolóxico é un dos principais reclamos turísticos xa que falamos dunha experiencia orixinal que engloba multitude de actividades complementarias arredor do mundo do viño como a gastronomía, a cultura, o patrimonio ou a tradición.