Luz verde para homenaxear a cada un e unha dos profesionais que prestan os servizos básicos

A concellería de Vías, Obras e Alumeado ilumina cada noite o Concello con cor verde para recoñecer o traballo destes sectores e do voluntariado

Ponteareas | O edificio do Concello permanecerá iluminado con luz de cor verde en homenaxe a todas e a todos os traballadores/as que neste estado de alarma deron exemplo de profesionalidade para garantir que os servizos básicos estiveran cubertos e velar pola nosa seguridade e saúde.

A concellería de Vías, Obras e Alumeado que dirixe Chus Garrote quere agradecer deste xeito, en nome de toda a Corporación, o traballo de todos e todas estas profesionais símbolo de esforzo e de vocación, “grazas ao seu traballo tivemos as nosas necesidades básicas cubertas. Profesionais e voluntariado que estiveron en primeira liña expóndose e que fan mellor esta situación temporal de confinamento”.

Sanitarios, corpos de seguridade e de emerxencias, voluntariado, transportistas, sector alimentario, axuda a domicilio, os servizos de limpeza… todos e cada un deles serán homenaxeados con esta luz verde que representa a moitos destes sectores e que se fai agora extensible ao resto dos profesionais e voluntariado que deixa a seguridade dos seus fogares para prestar servizos públicos básicos. A concelleira agradece especialmente a colaboración do presidente da Asociación de Alfombrista do Corpus Christi de Ponteareas.

Elas e eles axudados por toda a cidadanía que queda na casa fan posible que o noso confinamento sexa mellor e o máis curto posible.

En nome de todo o goberno Chus Garrote quérelle trasladar os seus parabéns e unha mensaxe de ánimo e ilusión a toda a cidadanía.

Outros artigos