Luís Zahera, premio “Galego do Ano 2022”

A laudatio correu a cargo de Alberto Núñez Feijóo

Madrid | O Club de Xornalistas Galegos en Madrid entregou ao actor Luis Castro Zahera, máis coñecido como Luís Zahera (Santiago de Compostela, 1966), a distinción Galego do Ano 2022. Luís Zahera pasa á lista de distinguidos polo Club de xornalistas galegos en Madrid no apartado de cinema, que só ocupou Fernando Rey na edición de 1992.

A entrega tivo lugar no transcurso dunha cea no Café Varela de Madrid. A laudatio correu a cargo de Alberto Núñez Feijóo. Trátase do máximo galardón deste colectivo, que preside Pilar Falcón, na capital de España. Un recoñecemento que en anteriores edicións recibiron escritores como Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester, Luís Rodríguez Moya, copiloto de Carlos Sáinz, Carmela Arias, Condesa de Fenosa; Carlos Núñez; o Doutor Cabanela, empresas como Inditex, Sargadelos, Citroën de Vigo, o Chef Pepe Solla, o presidente da Nasa en España, Antonio Carro, entre outros.

A presidenta do Club, Pilar Falcón sinalou: ¨distinguiuse unha traxectoria profesional, unha maneira galega de interpretar e un recoñecemento aos actores galegos que marcan o prestixio de Galicia nesta profesión que se reflicte na gran pantalla¨.

No seu laudatio, o presidente do PP eloxiou a súa figura e a súa magnífica traxectoria, lembrando que “se houbo un personaxe que a marca especialmente foi o de Petróleo en Mareas Vivas, sobre todo para os galegos, que aínda o lembran neste papel”.

Tras iso, participou en innumerables series e películas do cinema español, con actuacións memorables que lle fixeron merecedor de dous Goyas, entre outros premios e recoñecementos que fan del un dos actores máis valorados dese panorama.

“Zahera non só é bo, senón que ademais fai mellores aos demais”, destacou Feijóo. Ademais, no plano persoal lembrou que manteñen unha gran relación, por encima de ideoloxías, desde que gravaron xuntos un anuncio do Nadal. “O noso cinema ten sorte de ter actores como Zahera, pero por encima diso o noso país ten sorte de ter xente como Luís”, concluíu o líder da oposición.