Luís Menor recolle en Archena o “máis que merecido” Escudo de Ouro da Vila

Foi concedido a título póstumo a José Juan Cerdeira

Archena | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense e presidente da Sección de Vilas Termais da Federación Española de Municiios e Provincias (FEMP), recibiu, no marco da XIX Asemblea desta entidade, o Escudo de Ouro da Vila de Archena que concedeu a título póstumo a quen foi director da Área de Benestar da institución provincial, José Juan Cerdeira, recentemente falecido. Esta condecoración representa a máxima distinción honorífica que outorga o Concello de Archena (Murcia) a personalidades e entidades de singular relevancia.

Luís Menor agradeceu este recoñecemento “máis que merecido”, remarcando a transcendencia histórica da súa figura, asegurando que José Juan Cerdeira foi un “piar fundamental para consolidar a provincia de Ourense como un referente termal e o responsable de escribir moitas das páxinas da historia de Vilas Termais”.

Así mesmo, o presidente provincial, que salientou o “inmenso baleiro” que deixou José Juan na Deputación, no conxunto da provincia e nos eidos do termalismo e dos servizos sociais, comprometeuse a “honrar o seu legado continuando con ese traballo profesional e rigoroso que caracterizou a súa traxectoria profesional”.

A alcaldesa de Archena, Patricia Fernández, expresou publicamente o seu agradecemento polo labor continuado de Cerdeira á hora de asesorar o municipio fronte aos retos do Balneario de Archena e canalizar novos proxectos termais: “Grazas, José Juan, por todo o que fixeches polo termalismo e por querer tanto a Archena. Sempre te lembraremos co mesmo cariño que ti nos mostraches”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.