Luís Menor destaca a importancia da ciberseguridade como garantía de confianza e cohesión social

Clausura da xornada “Del ciberdelito al juicio” celebrada na Facultade de Informática de Ourense

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, clausurou esta tarde a xornada “Del ciberdelito al juicio”, unha iniciativa centrada na análise do fenómeno da ciberdelincuencia desde unha perspectiva integral, abordando tanto a súa investigación como a súa resposta xudicial. No acto, celebrado na Facultade de Informática, participaron destacados profesionais do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico, configurando un programa que permitiu afondar nos principais retos que presenta a seguridade dixital actualmente.

Menor puxo en valor a relevancia desta xornada “nun momento no que a transformación dixital avanza a gran velocidade e esixe respostas coordinadas, rigor técnico e compromiso institucional”. O presidente provincial destacou que “cando falamos de ciberdelito, falamos tamén de confianza, de garantir dereitos e de protexer ás persoas nun entorno cada vez máis complexo”.

Menor Pérez quixo achegar tamén a súa experiencia profesional previa como letrado da Administración de Xustiza, subliñando que “o Dereito sempre vai detrás da realidade, pero non pode permitirse chegar tarde”, incidindo na necesidade de adaptar os instrumentos xurídicos e institucionais aos novos desafíos que presenta a ciberdelincuencia.

Un reto tamén para o territorio
O presidente da Deputación incidiu na dimensión provincial da ciberseguridade, lembrando que “non é unha cuestión que afecte só ás grandes cidades ou ás grandes empresas, senón tamén aos nosos concellos, ao tecido produtivo e á cidadanía en xeral”.

Neste sentido, destacou a importancia de acompañar aos municipios, especialmente aos de menor tamaño, no proceso de transformación dixital, garantindo que conten cos recursos necesarios para facer fronte aos novos riscos asociados ao uso das tecnoloxías.

Compromiso coa dixitalización segura
Luís Menor reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense cun modelo de desenvolvemento que combine innovación e seguridade, apostando pola modernización dos servizos públicos e a implantación de solucións tecnolóxicas que melloren a vida da cidadanía sen comprometer a súa protección.

Así mesmo, puxo en valor a celebración de xornadas como esta, que “contribúen a crear cultura de prevención, fomentar a formación especializada e fortalecer a colaboración entre institucións e profesionais”. O presidente provincial concluíu sinalando que “a ciberseguridade non é unha opción, senón unha necesidade para garantir a confianza democrática, a seguridade xurídica e a cohesión social”, comprometendo o traballo da Deputación para que a provincia de Ourense “estea preparada, protexida e conectada co futuro” e citou iniciativas como a adhesión da Deputación ao Centro de Operacións de Ciberseguridade de Entidades Locais, o que afondou na prevención, protección, detección, resposta inmediata, xestión de crise e asesoramento ante calquera incidencia de ciberseguridade nos concellos da provincia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.