
Cadernos da viaxe
Lugo vén de se converter no epicentro dunha fenda ética que transcende o local para se situar nunha dimensión sistémica. A moción de censura formalizada o 22-A non é un simple movemento de despachos; é un síntoma da pulsión máis regresiva do PPdeG, que chega ao goberno local alicerzado na ferida aberta dun transfuguismo que racha o contrato social entre o elector e o elixido.
A reacción cidadá deste venres 24-A na Praza Maior luguesa (a segunda demostración popular máis ateigada dende a transición, cunhas 6500 persoas) non foi un rito de despedida, senón un acto de rebeldía democrática. Nese taboleiro, o protagonismo de Rubén Arroxo e do BNG resultou indubidábel. Mentres o PSdeG-PSOE seica aparece nun plano secundario, minguado pola interinidade dunha alcaldía ferida de morte e o desgaste dunha crise interna que disque foi o caldo de cultivo da traizón, o BNG asumiu o liderado moral da rúa. Arroxo non só defende un goberno, senón que está a construír o seu relato para 2027, presentándose como o mellor referente fronte ese “golpe de man” dun PP que non soubo gañar nas urnas o que agora pretende ocupar pola porta de atrás.
A ética política brilla pola súa ausencia na concelleira María Reigosa, concelleira só dende outubro de 2025 pola previa morte en só sete meses da carismática alcaldesa Paula Alvarellos (xusto cando estaba a ser percibida pola cidadanía como a alcaldesa acaída para o presente e próximo futuro da cidade), do concelleiro Pablo Permuy e da concelleira Olga L. Racamonde, persoas todas da candidatura socialista. En menos doutros seis meses rachou o compromiso co seu electorado, asumindo unha decisión que sen dúbida lle xera unha grande desafección cidadá na súa contorna. Por que? Para que? Hai incentivos para unha decisión tan pouco entendida na cidade?
“A futura alcaldesa Elena Candiá, beneficiaria desta antidemocrática xogada, fica para o futuro marcada por un estigma de orixe”
A futura alcaldesa Elena Candiá, beneficiaria desta antidemocrática xogada, fica para o futuro marcada por un estigma de orixe. Candiá alíñase coa dereita radicalizada que encarnan Miguel Tellado e Paula Prado, que arestora hexemoniza o relato de Feijóo en Madrid e o de Rueda na Galicia. É o PP do “todo vale”, o que prefire acceder ao poder rachando a ética democrática, O que divide e polariza á sociedade, no canto de profundar nos valores cidadáns do consenso.
Porén, Candia non está soa. Alfonso Rueda, que non lle deu o visto e prace á moción até hai poucos días, vai envurullar a Lugo cunha manta orzamentaria, como anestesia para o descontento social. Veremos á Xunta actuar como un departamento de obras públicas ao servizo dunha candidata sen tempo. É a operación “salvar á alcaldesa Candiá” un desembarco de formigón que tentará que a sociedade luguesa esqueza a memoria do fraude.
Pero que ninguén se engane. A Elena Candiá vaille a vida política nisto. O ano que resta até maio de 2027 será unha proba de resistencia. Se a xestión non é moi notábel e se a rúa non arrefría, a futura alcaldesa converterase na última vítima dunha estratexia de curto alcance. Rueda xoga coas cartas do poder, pero Lugo dixo este día que a dignidade non se licita. En 2027, lugueses e luguesas decidirán se prefiren a cidade como botín ou como espazo de convivencia cívica consonte coas regras da ética democrática.
A batalla de Lugo ten unha dimensión nacional na disputa a dous pola Xunta de Galicia entre Rueda e Pontòn, logo de que un e outra amosasen cadanseu total apoio a Candiá e Arroxo. A líder nacional do BNG sabe que o camiño cara á Xunta pasa por forza por consolidaren poder municipal. A resistencia de Arroxo conéctase así coa solvencia demostrada longos anos en Pontevedra, co proceso de consolidar o goberno local de Compostela fronte á enxurrada opositora do PP galego e local e coa ambición de conquistar Ourense como única alternativa a un alcalde disfuncional a quen se lle vai abrir xuízo oral por prevaricación continuada. As alcaldías son os laboratorios onde o nacionalismo ha amosar que é quen de facer xestión eficiente e transformadora sen perder a alma. Velaí que os soberanistas tenten confirmar que os seus modelos de cidade son a única alternativa real fronte ao baleiro ético que o PP quere espallar ao longo do país todo.





