Lugo celebra o Arde Lucus do 17 ao 20 de xuño

O Concello quere que para 2022 sexa Festa de Interese Turístico Internacional

Lugo | O Concello de Lugo organiza o Arde Lucus, a festa de recreación do pasado romano e castrexo da cidade do 17 ao 20 de xuño e quere conseguir que o próximo ano sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

O concelleiro de Mocidade de Lugo, Mauricio Repetto, avanzou que “a idea é que este ano” poidan “presentar a documentación para solicitalo”. “Este será un distintivo que vai permitir potenciar a festa”, sentenciou.

Repetto recoñeceu que os “pasos son complexos”, no sentido de que hai que traballar, dixo, “ano a ano para ir facendo eses deberes, ter a documentación necesaria cuxos requisitos para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional publícanse no BOE”.

Entre outros trámites, enumerou, “o ter en varios idiomas os folletos e as redes sociais, ademais de publicacións en prensa e en medios internacionais”. “Este ano ímoslle a dar o puntapié para presentar a documentación e poder obtela (a declaración)”, sinalou. A edición deste ano non é allea aos problemas derivados da pandemia, pero aínda así haberá campamentos e tamén concertos, con controis “de aforos e nas entradas e saídas” a estas actividades, explicaron os organizadores.

Repetto tamén apela ao streaming, que será outro dos recursos que se empregue por parte do Concello para dar visibilidade ao Arde Lucus deste ano, que cumpre vinte desde que arrincase en 2001.