Limpeza integral no río Couso do Porriño

Mediante voluntariado este sábado 2 de decembro

O Porriño | A asociación ecoloxista Verdegaia, en colaboración co Concello do Porriño, está a desenvolver intervencións de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Couso.

Un grupo de voluntarios e voluntarias, dirixidos por membros da asociación que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental, levaron a cabo xa dúas intervencións no río e, por mor do mal tempo, tiveron que suspender a última delas.

Finalmente celebrarase este sábado, 2 de decembro de 11 a 13h. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado para esta intervención, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986337624 (ext 1) ou no correo electrónico omix@oporrino.org , ata o día 1 de decembro ás 10 h.

Nesta última xornada farase unha revisión do traballo realizado nas anteriores e analizarase a posibilidade de repoboación da zona con especies autóctonas para frear a expansión das EEI que rodean a contorna intervida.