
Ourense | Shari Bossuyt (AG/AG Insurance-Soudal Team) e Franziska Koch (FDJ United-Suez) foron as grandes triunfadoras nunha 2ª etapa de sorpresas na Volta Feminina 26 by Carrefour.es.
Un sprint selecto entre as grandes favoritas decidiu a gañadora de etapa tras 109,8 quilómetros de percorrido entre as localidades ourensás de Lobios e San Cibrao das Viñas, onde a corredora belga, estrela do ciclismo en pista, impuxo a súa velocidade para conseguir a vitoria máis importante da súa carreira no ciclismo de estrada por diante da campioa alemá Franziska Koch, nova líder.

A portadora da Vermella despois de impoñerse na etapa inaugural, a suíza Noemi Rüegg (EF Education-Oatly), tivo que abandonar a carreira tras sufrir unha caída dentro dos últimos 15 quilómetros de etapa, deixando o terreo aberto ás sorpresas nun trepidante tramo final de etapa.
A Deputación de Ourense impulsou a proxección internacional da provincia a través de “La Vuelta Femenina”, un dos eventos deportivos máis importantes no noso país que volveu a ter a Ourense como un dos seus principais escenarios. A etapa 2 disputouse entre Lobios e San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela. “Foron 109 qms con selo ourensán de pura adrenalina, un luxo para os nosos territorios, un espectáculo para os afeccionados e un reto para as deportistas”, dixo o presidente da Deputación, Luís Menor.




