
Ourense | “La clave de Mozart” é a novela do xornalista de investigación e escritor Fernando Méndez. Ao longo da súa carreira profesional combinou o xornalismo coa literatura, sendo recoñecido con galardóns tanto no ámbito xornalístico (como o Premio Reina Sofía de Periodismo ou o Julio Camba) coma no literario (entre os que destacan o Premio Vicente Risco de Novela e o Premio Ciudad de Almería). É autor de dez libros, nos que sobresaen as tramas envolventes onde se cruzan a historia, a investigación e a condición humana.
A clave de Mozart é un thriller histórico que transcorre entre Viena, Salzburgo, Bruxelas e Milán, onde os seus protagonistas buscan un segredo que nunca debería revelarse. É un relato que afonda no medo como motor humano e nas cousas importantes da vida: amor, fracasos, triunfos… Do temor con que as afrontemos depende o que chamamos felicidade. Mais, sen dúbida, o maior de todos eses temores o medo á morte. Podemos enfrontarnos a el?
Sinopse
O xornalista Peter Dauson, que cobre información musical na Ópera de Viena, recibe unha confidencia: un candidato ao premio Nobel de Física vén de ser asasinado, afogado nun tanque de chocolate. O motivo, roubarlle unha partitura de Mozart que contén unha misteriosa inscrición para predicir a data exacta de calquera morte.
O científico acababa de chegar a Viena coa súa amante, a arqueóloga Silvia Weits, para pasar uns días na cidade e doar a partitura ao Museo de Mozart; trátase de “Lacrimosa”, unha parte do réquiem que o compositor escribiu xusto antes de finar. A obra, desaparecida durante 60 anos, formaba parte dos obsequios recibidos por Kennedy durante o seu mandato e, tras desclasificarse os papeis do magnicidio, a obra acabou nun mercado de rúa en Nova York.
Posuír a Clave é ter o poder absoluto. Así foi durante séculos. Elites políticas e empresariais sometéronse a ela porque se alguén sabe a data da túa morte, o sabe todo.




