José Tomé reafirma a aposta de Monforte por un turismo máis equilibrado e sostible

Asistiu á IX edición de Expocidades, en Amarante (Portugal)

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a tenente alcalde, Gloria Prada, participaron na inauguración da IX edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico, que se celebrou no Parque Multifuncional do Rossio, en Amarante (Portugal).

Este encontro xa consolidado como unha das principais citas do turismo de proximidade entre Galicia e o Norte de Portugal e serve de promoción da oferta turística, cultural e económica dos concellos do Eixo Atlántico participantes, entre eles o de Monforte de Lemos, que conta con stand propio na Expocidades.

O obxectivo desta iniciativa, explica Tomé Roca, “non é outro que promover un turismo responsable, sostible e de excelencia, accións nas que traballamos no Concello de Monforte desde que chegamos ao Goberno en 2015”. Así o trasladou o rexedor neste evento, no que participaron, entre outros, o vicepresidente do Eixo Atlántico e Presidente da Câmara de Viana, Luís Nobre, e o Secretario Xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como representantes dos concellos participantes e de outras institucións.

O alcalde subliñou a importancia dun encontro que promociona un turismo de proximidade entre Galicia e Portugal e que serve para dar a coñecer as excelencias tanto gastronómicas como patrimoniais das cidades participantes. “O turismo é un motor económico moi importante para as entidades que formamos parte desta alianza e nas nosas políticas temos que camiñar cara un turismo máis equilibrado e sostible, co foco centrado nos recursos locais e no valor patrimonial, cultural e ambiental”, indicou Tomé Roca. Valores, engadiu, “polos que apostamos no noso Concello, capital da Ribeira Sacra, neste momento precisamente no que agardamos unha resolución favorable da candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade, que coñeceremos no mes de xullo”.

Durante a súa estancia en Amarante, os políticos monfortinos convidaron a todos os asistentes a Expocidades a achegarse ao stand que Monforte ten na exposición, para coñecer mais de preto toda a oferta cultural, patrimonial e gastronómica que ofrece a capital da Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.