IX Xornadas de Rehabilitación e entrega dos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira

Covadonga Toca valora o potencial da innovación e deseño do sector da madeira

Santiago de Compostela | A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou o potencial da innovación, o deseño e a colaboración empresarial para seguir impulsando a competitividade do sector da madeira en Galicia, unha industria estratéxica que combina tradición, capacidade produtiva e novas oportunidades de crecemento.

Así o sinalou durante a clausura das IX Xornadas de Rehabilitación e a entrega dos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira, organizados polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia na Cidade da Cultura, unha iniciativa que conta co apoio do Igape.

Durante a súa intervención, Toca Carús puxo en valor a fortaleza da cadea forestal-madeira galega, cuxas principais actividades alcanzaron unha facturación próxima aos 2.500 millóns de euros en 2025. Neste sentido, destacou a importancia de aproveitar os recursos naturais, o coñecemento e a capacidade industrial de Galicia para desenvolver novos produtos, incorporar tecnoloxía e xerar maior valor engadido.

A directora vinculou este obxectivo coa nova Estratexia Galega de Innovación Empresarial, orientada a facilitar que cada vez máis empresas transformen o coñecemento e as novas ideas en actividade económica e emprego. Así mesmo, salientou o crecente protagonismo da madeira na construción sostible, na rehabilitación e no deseño.

Internacionalización e colaboración empresarial
Covadonga Toca fixo especial referencia ao sector Contract como exemplo da capacidade das empresas galegas para combinar industria, deseño e innovación e competir nos mercados internacionais. Neste ámbito, lembrou o apoio que o Igape vén prestando á internacionalización das empresas, facilitando contactos comerciais e novas oportunidades de negocio.

A directora tamén destacou o papel dos clústeres como instrumentos para favorecer a cooperación, compartir coñecemento e impulsar proxectos conxuntos, recoñecendo especialmente o traballo desenvolvido polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia para reforzar a competitividade do sector.

Finalmente, felicitou ás empresas e profesionais participantes nos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira, que reuniron preto dun cento de candidaturas en cinco categorías, unha mostra do talento e da capacidade creativa existente en Galicia. Así, reafirmou o compromiso da Xunta de seguir acompañando as empresas para converter a innovación e as novas ideas en proxectos reais que xeren riqueza e emprego na comunidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.