Iván Blanco asume a xestora da agrupación do PP no Castro de Caldelas

Substitúe a Cachín logo dunha reunión na que participou o presidente provincial Luís Menor

O Castro de Caldelas | O concelleiro do Partido Popular no Concello do Castro de Caldelas, Iván Blanco Nimo, vén de asumir a presidencia da xestora da agrupación local da formación, logo da xuntanza celebrada no salón nobre da fortaleza caldelá coa presenza do presidente provincial, Luís Menor.

Iván Blanco substitúe a César Enríquez Diéguez “Cachín”, quen decidiu dar un paso ao lado para “abrir unha nova etapa no PP do Castro”. “Cachín”, presidente da xestora desde 2022, entende cumprido o ciclo político e tamén municipal, no que optou como cabeza de lista popular á alcaldía nas eleccións locais de 2019 e 2023. Con todo, avanzou que seguirá “implicado no partido e ao carón dos seus compañeiros”.

Blanco Nimo chegou precisamente ao grupo municipal da man de César Enríquez, participando nas listas das dúas últimas convocatorias municipais nos números 4 e 2 da candidatura, respectivamente. O concelleiro ten moi claro o principal obxectivo que vai procurar desde a presidencia da xestora: “Colaborar con toda a forza e ilusión para preparar a mellor lista de cara ás eleccións do próximo ano”. O presidente provincial agradeceu o traballo realizado por Diéguez Enríquez, destacando a súa xenerosidade “por dar un paso ao lado, pero tamén por comprometerse a seguir ao carón dos populares do Castro, aportando toda a súa experiencia”.

Luís Menor explicou que esta nova etapa do PP local forma parte do proceso de actualización, renovación e consolidación no territorio que estase a levar a cabo no partido, e que ata o de agora facilitou a celebración de 32 congresos e a constitución de 17 xestoras, contando xa con esta última. Un intenso traballo que implica, advertiu, “moita responsabilidade e compromiso” para obter os mellores resultados en maio do 27.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.