IV edición do programa “A Luz da Ciencia” na Coruña

Relacionando pensamento científico e xénero
Cartaz das xornadas..

A Coruña | As xornadas científicas ‘A luz da ciencia’ acadan a súa cuarta edición cun programa dedicado ao pensamento científico e o xénero. Esta iniciativa, que botou a andar no pasado ano da man da área de Patrimonio, trasládase nesta ocasión ao Pazo de Mariñán e ao Muncyt –Museo Nacional de Ciencia y Tecnología da Coruña- e terá lugar os días 13, 14 e 15 de xaneiro.

Estes encontros científicos están concibidos, nesta cuarta edición, para reflexionar sobre as fendas de xénero que están vixentes no eido da práctica profesional e investigadora das disciplinas científicas, achegando visións desde tres eidos diferentes: as aulas e o proceso formativo, a lexislación e a realidade profesional, e a divulgación e a comunicación científica.

A este respecto, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas pon o foco en que, segundo datos globais da ONU, menos do 30% de investigadores e científicos de todo o mundo son mulleres, e tan só 1 de cada 3 estudantes de carreiras universitarias do ámbito CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) é unha muller.

“Cando puxemos en marcha este programa de xornadas propuxémonos achegar a ciencia á sociedade dun xeito accesible e tratando temas de interese para o conxunto da cidadanía e, neste sentido, abordar a situación de desigualdade de xénero que se observa nas disciplinas do chamado ámbito CITM é de xustiza e necesario ” asegura Xosé Lois Penas.

As tres sesións correrán a cargo de relatoras que coñecen de primeira man a realidade da práctica científica. Así, a primeira xornada, dedicada a ‘Didáctica das ciencias experimentais’ contará coa participación de Mireia Colom e Susaina figuera da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; a sesión sobre ‘Ciencia investigación e xénero’ correrá a cargo de relatoras da Rede galega de investigadoras: María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río.

Mentres que a sesión sobre ‘Divulgación, comunicación científica e xénero’ reunirá a Maite Vence, Paula Otero Sánchez e Isa Loureiro que abordarán tres proxectos de divulgación desde diferentes perspectivas e con públicos obxectivo específicos. Ademais, o sábado 15, ás 16:30h no Muncyt, a ilustradora Isa Loureiro impartirá un obradoiro de ilustración que tomará como fío condutor a ruta das camelias do Pazo de Mariñán.

A asistencia ás xornadas é de balde, mais será preciso realizar inscrición previa a través do formulario https://www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021/iv-xornadas-luz-da-ciencia/inscricion-iv-xornada-luz-da-ciencia-pensamento-cientifico-e-xenero/

Programa e relatoras
Xoves 13 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas
“Didáctica das ciencias experimentais”
Contidos: Análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas. Educación CTIM ( Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas. Reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes.
Relatoras: Mireia Colom e Susaina figuera (Fundació catalana per a la recerca i la innovació)

Venres 14 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas
“Ciencia, investigación e xénero”
Contidos: Revisión lexislativa. A Lei Ángeles Alvariño. Análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica. Visualización das realidades laborais, teito de cristal, fendas, etc. Efecto Matilda e campaña #NOMOREMATILDA. O papel dos medidos de comunicación.
Relatoras da Rede galega de investigadoras : María de la Fuente Freire, científica galega especialista en nanotecnoloxía; Elena Lendoiro Belío,investigadora posdoutoral; Vanessa Valdiglesias García, bióloga, recoñecida como Mellor Investigadora Xove de Europa pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental; Zulema Varela Río, bióloga, máster en enxeñería ambiental, tese de doutoramento en ecotoxicoloxía

Sábado 15 de xaneiro. Muncyt. 11:30 horas
“Divulgación, comunicación científica e xénero”
Contidos: a fenda de xénero na divulgación científica e nas persoas consumidoras de ciencia. Hai fenda de xénero entre as consumidoras e consumidores deste tipo de contidos? Medidas que contribúan a rachar esta situación de desigualdade.
Relatoras: Maite Vence de OBSERVER, Isa Loureiro, ilustradora e Paula Otero Sánchez, científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade e como divulgadora, autora do espazo “ciencia e tal”.

Outros artigos