IV Concurso de Decoración de Nadal en Salceda

Para a hostalería e o comercio

Salceda de Caselas | A concellería de comercio que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón presentou, xunto con ACISA (Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda), o IV Concurso de Decoración de Nadal dirixido aos establecementos da hostalería e o comercio locais.

O prazo de inscrición para o concurso prolóngase ata o 21 de novembro e os establecementos participantes poderán inscribirse a través do formulario, que pode atoparse na páxina web do concello www.salcedadecaselas.gal e nas súas redes sociais.

Os establecementos participantes deben ter preparado o seu escaparate o día 2 de decembro, día no que se acenderá oficialmente o alumeado de nadal en Salceda de Caselas.
O establecemento gañador será o que obteña máis “gústame” da veciñanza de Salceda a través do Facebook oficial do concello. Os resultados serán publicados nas redes sociais do concello. O gañador recibirá un distintivo e obterá como premio a realización dunha reportaxe en prensa sobre o seu establecemento. O segundo e terceiro clasificados recibirán un distintivo (diploma)

Nesta edición tamén haberá un premio especial outorgado por un xurado profesional.
Verónica Tourón, alcaldesa e responsable de comercio e industria, recalca o agradecemento a ACISA pola colaboración neste concurso, “unha das actividades senlleiras dentro da programación de Nadal en Salceda e que é un recoñecemento aos establecementos que participan e ao esforzo do comercio local para manter atractivos os escaparates dos seus establecementos, mellorando a imaxe comercial do noso municipio e animando á veciñanza a visitar os escaparates e realizar as súas compras no comercio de proximidade, que ofrece unha ampla e variada oferta de produtos e servizos”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos