Iolanda Veloso: ''Abel Caballero goberna en minoría e se quere seguir debe ter máis flexibilidade''


M.G.P. / LV | Iolanda Veloso Ríos (A Coruña, 1972) vén de asumir a portavocía do grupo municipal do BNG en Vigo, onde leva seis anos como concelleira, tras a renuncia de Santi Domínguez ao posto.
¿Como afronta esta nova etapa á fronte do Bloque en Vigo?
Pois é unha responsabilidade grande, pero afróntoa nas mellores condicións posibles, xa que se mantén o mesmo grupo de edís. Trátase de continuar co traballo, aínda que asumindo novas funcións de coordinación.
Logo haberá continuísmo.
Vai ser unha liña continuísta a nivel de traballo do grupo municipal. E en canto á liña estratéxica e política, vén marcada pola organización e tampouco se ve afectada por un cambio de portavocía. O voceiro municipal entende que é o momento de dar un paso atrás e faino. Só iso.
¿Pero non ten a sensación de que agora, calquera cambio no BNG se interpreta en clave de crise interna ou enfrontamento?
Si. Nós somos conscientes diso, pero non podemos evitalo. A única realidade aquí é que Santi Domínguez leva moitos anos, foi cabeza de lista nas municipais dúas veces e dá un paso atrás. Ademais, segue como concelleiro, porque ten moito que achegar aínda. E todo isto fíxose na metade do mandato, unha vez rematado un debate importante como o dos orzamentos. Así que penso que non hai maior problema. Pero como o BNG vive agora un momento de análise profunda e cambios, chegan as interpretacións raras. Moitas veces feitas desde outras forzas políticas.
¿Esta remuda na portavocía abre as portas á súa candidatura á alcaldía de Vigo polo BNG?
É cedo para falar diso. Faltan dous anos e medio para as eleccións municipais. Eu teño un obxectivo a curto e medio prazo, que é exercer a portavocía. O resto xa se andará. A organización, cando chegue o momento preciso, elaborará as listas.
Pero un sempre está mellor situado na carreira se sae desde o primeiro posto…
[ri] Non é o momento diso.
¿É Abel Caballero un alcalde difícil para chegar a acordos?
¡Doado non é! O PSdeG de Vigo está centrado na súa figura e non é fácil chegar a acordos, pero tamén é certo que goberna en minoría e se quere seguir facéndoo, non lle queda máis remedio que ter máis flexibilidade.
¿E acordos co PPdeG?
O BNG ten moi claro desde o principio que non vai permitir que o PP aplique desde Vigo os mesmos recortes que Feijóo e Rajoy. ¡Iso témolo clarísimo e non depende do voceiro! O labor do Concello de Vigo é tentar compensar desde aquí, no que se poida, os recortes do PP.
¿Como é a súa relación con Caballero e con Figueroa?
A relación persoal é normal, tanto con un como co outro. Non somos amigos, somos compañeiros de corporación. O normal.
¿Manterá logo o BNG a súa postura de non entrar no goberno?
Nós estamos para defender os intereses dos vigueses. Nos plenos aprobamos propostas do PSOE, pero tamén do PP. Só que as nosas coincidencias co PP cada vez son máis raras, sobre todo desde que só se dedican a defender as políticas de Feijóo e Rajoy. E o Bloque o que defende é Vigo.
¿Ten Vigo unha conflitividade municipal excesiva?
Non sei se é maior que noutros sitios, pero si é certo que a vida municipal de Vigo é moi intensa. E non é algo de agora, leva anos habendo plenos tensos, con protestas veciñais de intensidade moi alta. Pero iso é froito da propia dinámica da sociedade viguesa e entendemos que non é malo. Apostamos pola participación cidadá. Sempre se di: “En Vigo moves unha papeleira e créase unha comisión de afectados”. É a súa idiosincrasia.
Fala como unha auténtica viguesa malia ser da Coruña…
Si [ri]. Veño dunha cidade moi diferente, na que para manifestarse ten que pasar algo moi gordo. Cada unha ten cousas boas e outras que poden non gustar tanto. Pero eu adapteime moi ben a Vigo. Levo aquí desde 1993, cando cheguei a estudar Tradución.

Outros artigos